As xestións da Consellería de Cultura e Educación garanten a continuidade do programa de promoción da lingua galega no colexio de Ponferrada

O director xeral de Política Educativa Escolar da Junta de Castilla y León comunicoulle a Xesús Vázquez Abad que se coordinarán os programas bilingües para asegurar a permanencia do galego como lingua vehicular do ensino

Mér, 18/04/2012 - 18:30
o SXPL, Valentín García Gómez cun grupo de rapaces que aprenden galego en Castel
o SXPL, Valentín García Gómez cun grupo de rapaces que aprenden galego en Castela e León, tomada en Vilanova de Arousa, durante a súa recente visita cultural a Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia solicitoulle información á Dirección General de Política Educativa Escolar da Junta de Castilla y León, a raíz das informacións aparecidas nos medios de comunicación nos pasados días, que apuntaban á posible desaparición do Programa de promoción da lingua galega nos territorios galegofalantes da Comunidade castelá-leones no colexio público Jesús Maestro, un 18 centros adscritos a este proxecto.

O responsable de Política Educativa Escolar vén de confirmar que “logo da comprobación pertinente, en ningún momento se formulou a situación erroneamente anunciada polos medios de comunicación, nin desde a dirección do centro, nin desde ningún estamento da Administración educativa de Castela e León” e que existe desde a Junta de Castilla y León unha “total disposición de colaboración co Goberno galego e a satisfacción de poder continuar co protocolo xeral de colaboración para a promoción da lingua galega nos territorios limítrofes nos que desde hai xa uns anos se vén impartindo en centros educativos de Castela e León”.

A colaboración entre Galicia e Castela e León

A cooperación entre as dúas comunidades en materia lingüística comezou no ano 2001 e foi ampliada en 2006 coa sinatura do Protocolo Xeral de Colaboración entre a Consellería que dirixe Xesús Vázquez Abad e a Junta de Castilla y León. Ademais, en xaneiro de 2010, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Junta de Castilla y León, Juan Vicente Herrera Campo, asinaron un Protocolo Xeral de Colaboración que abriu unha nova etapa de cooperación entre as dúas comunidades. O documento, ademais de incluír cuestións de interese común como a educación, as infraestruturas, a sanidade ou o Xacobeo, ratifica o Protocolo Xeral de Colaboración vixente para a promoción do galego nos territorios de Castela e León en que se fala galego.