Xesús Vázquez Abad presenta o congreso para a creación e desenvolvemento de produtos turísticos que acollerá Galicia

O conselleiro de Cultura e Educación presentou o XVII Congreso Internacional que a Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (AECIT) que se celebrará do 21 ao 23 de novembro en O Carballiño

Esta é a segunda ocasión na que Galicia acolle este encontro organizado de forma anual

No acto participaron a secretaria xeral de Turismo, Carmen Pardo; o presidente da AECIT, José Ignacio Pulido; o alcalde de O Carballiño, Argimiro Marnotes e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco

Mér, 18/04/2012 - 16:13
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no acto de prese
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no acto de presentación do XVII Congreso de AECIT

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe en Santiago de Compostela o XVII Congreso Internacional organizado pola Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (AECIT) que se celebrará o vindeiro mes de novembro.

Deste xeito desde o 21 ao 23 de novembro O Carballiño acollerá o encontro centrado na Creación e o desenvolvemento de produtos turísticos: innovación e enfoque experiencia. O encontro, que reunirá a preto de 500 expertos,terá como eixe central a innovación e o novo turismo experiencial, sendo un marco para o debate para profesionais e expertos nacionais e internacionais que buscan adaptar a oferta ás características do visitante. Cómpre recordar que está será a segunda ocasión na que a AECIT escolle a Galicia como sede para o seu congreso. 

Xunto a Xesús Vázquez tamén estiveron presentes e participaron a secretaria xeral de Turismo da Xunta, Carmen Pardo; o presidente da AECIT, José Ignacio Pulido; o alcalde de O Carballiño, Argimiro Marnotes e o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Manuel Baltar Blanco.

Durante a súa intervención o conselleiro destacou que “acalidade na educación e a formación axeitada ás necesidades sociais son os alicerces nos que asentar a construción de Galicia” ao que engadiu que para iso é preciso que “se desenvolvan foros de debate para expertos e profesionais nas novas concepción e liñas de traballo no turismo centradas na creación e desenvolvemento de produtos turísticos de alto potencial, así como en ofrecer experiencias con alto valor engadido, singulares e personalizadas. Mellorar a capacidade prospectiva e o noso coñecemento dos aspectos clave na toma de decisións nunha materia tan sensible e tan relevante económica e socialmente como é o turismo resulta esencial”. E respecto do congreso destacou que “hoxe competimos co mundo ao tempo que sumamos conxuntamente con case todo o mundo, colaborando para crear un maior e máis perfecto mercado global e para facelo desde a comprensión das necesidades propias e as esixencias da nosa propia sociedade”.

Secretaria Xeral Turismo

Na presentación, levada a cabo no Hostal dos Reis Católicos, secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo que agradeceu a oportunidade que brinda a Galicia a AECIT por ter escollido O Carballiño como sede para o seu décimo-séptimo encontro. Carmen Pardo destacou a importancia da formación no sector turístico como unha importante ferramenta de competitividade. Nese senso, Carmen Pardo comentou que dende o seu departamento e gracias á aportación de 900 mil euros do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo veñen de lanzar un Plan de Formación para a Excelencia Turística de Galicia por valor total dun millón de euros. Carmen Pardo tamén quixo resaltar a súa participación no Consello Español de Turismo que se celebrou onte en Madrid e onde se abordaron asuntos relacionados con tasas, lexislación e sobre todo recursos humanos no sector turístico. Segundo resaltou a secretaria xeral para o Turismo, "o sector turístico está conformado nun 75% de recursos humanos, polo que a aposta pola formación dos mesmos é fundamental".