Cultura e Educación colabora co Concello de Celanova nunha nova edición do programa de Concertos Didácticos de Órgano

A actividade céntrase en clases prácticas de descrición e interpretación do instrumento, ademais dun percorrido guiado á Igrexa de San Salvador e ao entorno do Mosteiro de San Rosendo

O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero asistiu hoxe á inauguración da edición 2012 do ciclo, na que participaron 130 alumnos procedentes de institutos de Xinzo de Limia, Nigrán e O Barco de Valdeorras

Mar, 17/04/2012 - 13:27
O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero asistiu hoxe á inauguración da edici
O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero asistiu hoxe á inauguración da edición 2012 do ciclo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dirixida por Xesús Vázquez Abad, colabora co Concello de Celanova no programa de Concertos Didácticos de Órgano, que hoxe abriu a súa edición de 2012 coa participación de 130 escolares. Mediante esta actividade, está previsto que máis dun milleiro de alumnos de ensino primario e secundario de toda Galicia poidan acceder á música e á historia do emblemático instrumento, recentemente restaurado, que preside o coro alto da Igrexa de San Salvador de Celanova.

O director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, asistiu hoxe ao concerto de inauguración do programa, no que tamén estiveron presentes Antonio Mouriño, alcalde de Celanova; Cesáreo Iglesias, párroco de Celanova; e Marisol Mendive, profesora de Órgano do Conservatorio de Ourense e directora docente deste proxecto.

Nesta primeira sesión participaron 130 alumnos: 50 procedentes do IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, 50 do IES Escolas Proval de Nigrán e outros 40 do CPR Divina Pastora do Barco de Valdeorras. Está previsto que, ata xuño de 2012, a cifra de estudantes galegos que se acheguen a Celanova dentro da segunda edición deste programa supere o milleiro.  

Todos os martes

Os Concertos Didácticos de Órgano celébranse como norma xeral todos os martes e están especialmente destinados a alumnos de 3º ciclo de primaria, 2º, 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de bacharelato. Distribuídos en grupos de non máis de cincuenta, os asistentes atenden a unha explicación do instrumento enmarcado dentro dos contidos pedagóxicos de cada etapa escolar á que vai dirixida a sesión. Ao longo dos 55 minutos da clase, que é eminentemente práctica, hai referencias tanto á descrición do instrumento como á súa execución. O seu desenvolvemento está apoiado ademais por unha unidade didáctica e distintas partituras previamente traballadas polos alumnos.

Deste xeito, e da man da profesora organista Marisol Mendive, os escolares coñecen in situ contidos concretos como as partes do órgano e a súa mecánica, os elementos e materiais dos que está composto, a consola do instrumento cos seus rexistros, os cantorais ou libros de coro, as formas musicais organísticas máis típicas ou a potencia sonora do órgano.

Acompañamento con frauta

Na última parte da sesión os alumnos acompañan á frauta doce a interpretación co órgano dalgunhas melodías sinxelas, previamente ensaiadas nos seus centros de orixe cos seus profesores de música e sempre adaptadas ao seu nivel. Deste xeito, poden experimentar e poñer en comparación os distintos timbres proporcionados pola frauta cos emitidos polos tubos do órgano.  

Os obxectivos do programa abranguen así mesmo un achegamento á evolución histórica do órgano de Celanova a través dos séculos, con referencia ás súas dúas restauracións, realizadas en 1952 e 2000.

Cada xornada combínase coa visita guiada a outras dependencias da Igrexa de San Salvador, como a capela de San Miguel, así como ao Mosteiro de San Rosendo e o seu entorno.