Cultura e Educación impulsará as axudas complementarias para os estudantes galegos de ensinanzas artísticas superiores

Vázquez Abad lembrou que, en época de bonanza económica, o Bipartito non foi quen de convocar as bolsas complementarias para as Erasmus

Mér, 11/04/2012 - 19:00

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, explicou hoxe no Parlamento de Galicia que o departamento que dirixe xa está a buscar fórmulas para que os estudantes das ensinanzas artísticas superiores - estudos superiores de música, danza, de artes plásticas, ensinanzas de arte dramático, e de deseño- poidan optar a axudas autonómicas para a súa mobilidade internacional, complementarias ás que xa poden solicitar do Estado e a Unión Europea.

Neste sentido, sinalou que a normativa estatal fixada polo último goberno socialista no Estado para regular as ensinanzas artísticas está a xerar confusión, a partir da LOE e do Real Decreto que a desenvolve neste caso - RD 1614/2009- , que recoñecen que as ensinanzas artísticas teñen o carácter de ensino superior, pero non lles atribúe o carácter de ensino universitario.

Con este contexto, o conselleiro explicou que as Comunidades Autónomas atopan confusión no que toca a decidir en que ámbito fixar as convocatorias - nos departamentos de ensino non universitario, nos de ensino universitario ou empregando unha fórmula mixta- o que obrigou á Consellería a buscar a solución máis acaída para resolver esta situación, “algo que o Bipartito non fixo en catro anos de bonanza económica”.

Compromiso coas ensinanzas artísticas

“A Consellería está analizar a situación e a buscar unha fórmula para que o alumnado de ensinanzas artísticas superiores da comunidade poida contar o antes posible con estas axudas complementarias”, dixo, que completarían as que os estudantes galegos de ensinanzas artísticas - como os do resto do Estado- están a recibir da Unión Europea para a mobilidade do programa Erasmus.