A Mostra do Ensino 2012, da Consellería de Cultura e Educación, arranca coa participación de expertos na análise do futuro e as posibilidades da Formación Profesional

Xesús Vázquez Abad inaugura este evento, que se desenvolve entre o 11 e o 14 de abril en ExpoCoruña

A Mostra amosará a cidadanía, a realidade do sistema educativo e o Congreso paralelo ocuparáse tamén das TIC, o plurilingüismo e a diversidade nas aulas

Mar, 10/04/2012 - 16:11
A Mostra do Ensino 2012, da Consellería de Cultura e Educación, arranca coa part
A Mostra do Ensino 2012, da Consellería de Cultura e Educación, arranca coa participación de expertos na análise do futuro e as posibilidades da Formación Profesional

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reúne na primeira xornada da Mostra do Ensino 2012 a expertos do eido da Formación Profesional que afondarán no futuro e posibilidades destas ensinanzas, no marco do congreso Formación e competencias na nova sociedade, organizado ao abeiro deste avento. O conselleiro, Xesús Vázquez Abad, será o encargado de inaugurar mañá a Mostra do Ensino 2012, que se celebra en ExpoCoruña entre o 11 e o 14 de abril, e para cuxo patrocinio a Consellería contará coa colaboración do Concello e a Deputación da Coruña, así como de diversas empresas que veñen colaborando coa administración educativa. A Mostra ocuparase de amosar á cidadanía a realidade do sistema educativo galego, mentres que no seu Congreso terán cabida, amais da FP, as TICs, o plurilingüismo e a diversidade nas aulas.

O primeiro en intervir na primeira xornada do congreso será o presidente da Cámara de Comercio de Alemaña en España e patrono da Fundación Bertelsman, Carsten R. Moser, quen pronunciará a conferencia inaugural. O experto alemán en asesoramento a empresas e institucións falará da situación económica no noso país, no contexto de crise internacional, e dos factores que definen a competitividade do sistema produtivo español. Así mesmo, centrará parte da súa intervención na importancia do capital humano e nas competencias profesionais que son precisos para acadar unha correcta inserción no mercado laboral actual.

O programa de relatorios desta primeira xornada completarase coa intervención da encargada de Educación, Xuventude, Cultura e Cidadanía no Concello de Berlín, Dorlies Radike-Thiel, que afondará nas particularidades do sistema de formación dual que se desenvolve en Alemaña.

Mesas redondas

Ademais, desenvolveranse senllas mesas redondas ao longo do día. Na primeira delas, sobre o papel dos centros integrados de formación profesional na cualificación do capital humano, participarán o director xeral de Educación, Formación e Ordenación Universitaria da Consellería, José Luis Mira; e os seus homólogos das Comunidades Autónomas de Castela e León, Enrique de la Torre; País Vasco, Mª José Madariaga; e Comunidade Valenciana, Felipe Codina.

Xa pola tarde afondarase na importancia da formación para o emprendemento na mesa redonda “Aprender a emprender: xeración de valores para un novo modelo económico”, na que participarán a presidenta de AJE Galicia, Patricia García; o director xeral de IMATIA, Fernando Vázquez; o presidente executivo do Grupo Blusens, Jose Ramón García; e o presidente do grupo Azetanet e do Cluster TIC de Galicia, Gerardo Crespo.

Como peche do programa do mércores o subdirector xeral de FP da Consellería, Manuel Corredoira; e o xefe de servizo de Ordenación e FP, Xosé Romarís, presentarán a nova programación da Consellería para a elaboración de programacións de Formación Profesional.

Congreso e actividades

O congreso Formación e competencias na nova sociedade, dirixido ao profesorado e aos profesionais do ámbito empresarial, abordará a través de conferencias e mesas redondas, os novos retos e as innovacións que, en diversas áreas da educación e da formación, se demandan nun mundo globalizado.

O congreso estrutúrase en catro xornadas, das que as tres primeiras, dirixidas ao profesorado, se centran na Formación Profesional, as Tecnoloxías da información e da comunicación e o ensino e aprendizaxe das linguas estranxeiras. A última xornada, a do día 14, será de portas abertas ao conxunto da cidadanía, e xirará arredor da Atención á diversidade a familia.

Ademais do Congreso, a Mostra do Ensino Galicia 2012 contará con  51 stands destinados a amosar á cidadanía, familias e alumnos, a realidade do sistema educativo galego, para que poidan tomar as mellores decisións de cara a súa formación e o seu futuro académico e profesional. Na zona de exposicións, no so estarán os stands das institucións e as empresas, senón tamén outros ocupados por Abalar, Eduemprende, Galiciaskills ou os temáticos relativos a sectores profesionais como as enerxías alternativas, fabricación mecánica, actividade agraria, instalación e mantemento de enerxía e auga, hostalaría e turismo, química e sanidade, mantemento de vehículos autopropulsados, ou acreditación profesional e carnés profesionais, entre outros.