O conselleiro de Cultura e Educación salienta o papel da Mostra do Ensino 2012 como unha guía para orientar ao alumnado na decisións sobre o seu futuro académico

Xesús Vázquez Abad explicou nunha entrevista na TVG que neste evento os visitantes poderán coñecer todas as opcións ofrecidas polo sistema educativo galego

O evento celébrase en ExpoCoruña entre o 11 e o 14 de abril

Lun, 09/04/2012 - 10:47
O conselleiro de Cultura e Educación salienta o papel da Mostra do Ensino 2012 c
O conselleiro de Cultura e Educación salienta o papel da Mostra do Ensino 2012 como unha guía para orientar ao alumnado na decisións sobre o seu futuro académico

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe o papel da Mostra do Ensino 2012 como guía para orientar ao alumnado nas decisións sobre os estudos que vai cursar, así como para todas aquelas persoas que desexen volver ás aulas para continuar coa súa aprendizaxe ao longo da vida. Nunha entrevista no programa Bos Días, da Televisión de Galicia, o conselleiro explicou que este evento, organizado polo departamento que dirixe en colaboración co Concello e a Deputación da Coruña e con varias empresas, os asistentes poderán coñecer de primeira man todas as opcións que o sistema educativo de Galicia ofrece, desde o ensino universitario ata as ensinanzas artísticas e musicais, pasando pola Formación Profesional e as ensinanzas para adultos, entre outras.

Neste sentido, Vázquez Abad destacou a oportunidade que van ter os visitantes de asistir a clases e talleres reais “nos que o alumnado e o profesorado de Formación Profesional van ser os actores principais e van dar a coñecer a metodoloxía de traballo e contidos dos ciclos formativos”. Así mesmo explicou que na Mostra do Ensino haberá un stand de orientación a disposición das cidadáns e cidadás que desexen solicitar asesoramento, así como stands nos que os asistentes se poderán informar das iniciativas que se están a desenvolver nos centros educativos galegos, como o Proxecto Abalar, as Olimpíadas da FP – Galicia Skills-, o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras ou o de emprendemento, ‘eduemprende’.

O conselleiro salientou ademais a oportunidade que este evento, que se desenvolverá en ExpoCoruña entre o 11 e o 14 de abril, supón unha oportunidade para que todas aquelas persoas que desexen mellorar as súas opcións de acceso ao mercado laboral volvendo ás aulas poidan informarse da oferta de ensinanzas para adultos. Así sinalou que na Mostra se darán a coñecer os módulos de FP para adultos, así como as posibilidades que ofrece neste momento a Consellería para acreditar as competencias profesionais adquiridas en formación non regrada.

Así mesmo, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia lembrou que a Mostra do Ensino será o escenario dun congreso dirixido ao profesorado e equipos directivos, “no que participarán primeiras figuras no eido das TIC, a aprendizaxe de linguas estranxeiras e a atención á diversidade”

Cara un sistema educativo de excelencia

Vázquez Abad fixo fincapé na necesidade de que as galegas e galegos coñezan todas as posibilidades que teñen á súa disposición para continuar a súa formación, “e coas que se está a dar resposta especialmente ás necesidades da xente nova”.

Neste sentido o conselleiro apostou por continuar na senda das actuacións que se están a implementar para a mellora do sistema educativo galego, e que xa se teñen traducido nunha redución da taxa de abandono escolar, que medrara durante a etapa do Bipartito.

Deste xeito, Vázquez Abad sinalou a necesidade de continuar a traballar para acadar un sistema educativo de excelencia, “aquel no que se consigue acadar o mellor de cada un dos estudantes, desenvolvendo o maior número de competencias de cada un deles”.