O Conselleiro de Cultura e Educación gaba a constancia e responsabilidade dos 40 alumnos recoñecidos cos premios da ESO ao rendemento académico e ao esforzo

Xesús Vázquez Abad felicitou ademais aos docentes e familias dos premiados polo apoio prestado aos estudantes

A Consellería concede estes galardóns en colaboración con Novacaixagalicia

Ven, 30/03/2012 - 12:05

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria gabou hoxe “o esforzo, constancia e responsabilidade” dos corenta alumnas e alumnos recoñecidos cos premios dos premios extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento académico, e ao esforzo e superación persoal correspondentes ao curso 2010-2011. Os galardóns, froito da colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e Novacaixagalicia, foron entregados hoxe no Conservatorio Profesional de Santiago de Compostela, nun acto ao que asistiron o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad; o director da Obra Social de Novacaixagalicia, Guillermo Brea Vila; e o resto dos secretarios e directores xerais, así como outros representantes da Consellería de Cultura e Educación.

No acto de entrega o conselleiro destacou o valor destes premios como “un referente senlleiro do traballo na igualdade de oportunidades efectiva, unha mostra de como se acada un ensino comprensivo e de integración”. “Unha educación que presta atención á diversidade e responde ás necesidades concretas do alumnado, aunando excelencia con equidade”, engadiu.

Así, ademais de aos galardoados, o conselleiro felicitou tamén aos docentes, “que axudan a cruzar barreiras e invisten o seu tempo profesional e persoal en contribuír a que as súas alumnas e alumnos sexan mellores persoas”. Vázquez Abad, así mesmo, recoñeceu o labor das familias, “que co seu apoio constante e calado fan que vos sintades importantes, únicos, apoiados”.

Colaboración con Novacaixagalicia

Ademais o conselleiro agradeceu a Novacaixagalicia a colaboración prestada na convocatoria destes galardóns “e a súa participación neste acto de homenaxe que, ademais de merecido é necesario, queremos que sexan unha guía para todo o alumnado”. “Os corenta premios que vimos de entregar son de xustiza, porque fan visible todo o esforzo, a capacidade de sacrificio e superación de corenta persoas novas, que exemplifican os valores da xuventude en Galicia. Que sodes o noso futuro”, engadiu.

Cos premios entregados hoxe Novacaixagalicia e a Consellería pretenden impulsar un sistema educativo no que cada alumno sexa quen de regular a súa propia aprendizaxe, a través da súa responsabilidade individual, o mérito e o esforzo persoal. Ao tempo quérese dar pulo á creatividade, iniciativa persoal e espírito emprendedor dos estudantes, co obxectivo de acadar unha educación de calidade.

Esforzo e superación

Coa convocatoria de premios ao esforzo e á superación persoal recoñecerse e valorarse publicamente os comportamentos excepcionais do alumnado dos niveis da educación básica, co fin de seguir avanzando na consecución dunha igualdade de oportunidades efectiva, e de procurar un ensino comprensivo e integrado. Así, os gañadores son alumnas e alumnos que merecen un especial recoñecemento pola dedicación e esforzo demostrado ao longo da etapa en superar as súas dificultades, ben de tipo persoal, educativas ou do contorno familiar e sociocultural.

Neste apartado resultaron premiados 8 alumnas e alumnos da provincia da Coruña; unha de Lugo; tres de Ourense, e oito en Pontevedra.

Rendemento académico

Respecto da modalidade de rendemento académico, os candidatos debían tiveron unha media nas cualificacións dos catro cursos da ESO igual ou superior a 9 puntos. Ademais superaron unha proba realizada o pasado 18 de outubro nas capitais de provincias. Neste exame, estruturado en dúas partes, valorouse os obxectivos e as competencias básicas acadadas polo alumnado, a través de cuestións referidas ás materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira, ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas; e unha a escoller de entre física e química, música, bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, tecnoloxía ou latín.

Nesta modalidade resultaron premiados seis estudantes da provincia da Coruña; tres de Lugo; dous de Ourense e nove de Pontevedra.

Con estes premios a Consellería de Educación quere fomentar entre o alumando a cultura do esforzo no estudo, reforzando aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo, e xuntando excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal.