A Consellería de Educación convoca preto de mil prazas de mestres e de profesores de secundaria para as oposicións 2010

Entre as prazas presentadas na mesa sectorial, 227 máis que o ano pasado, inclúense as de profesores técnicos de Formación Profesional e de Música e Artes Escénicas

Mér, 10/02/2010 - 14:05
Presentación da oferta de prazas a cargo de José Manuel Pinal
Presentación da oferta de prazas a cargo de José Manuel Pinal

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará 967 prazas de mestres e profesores para as oposicións de 2010, tal e como presentou hoxe na mesa sectorial docente non universitaria celebrada en San Caetano, e que son 227 máis que o ano pasado.

Durante o encontro entre sindicatos e a Consellería de Educación tamén se deu a coñecer a convocatoria de 13 novas prazas correspondentes ao corpo de Inspectores de Educación. Posteriormente foron analizadas dúas ordes, a primeira e pola que se convoca o concurso de méritos para a selección e nomeamento da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas na LOE, e a segunda e a relativa as axudas económicas para compensar os gastos derivados dos accidentes de tráfico de persoal en función docente ou inspectora.

Oferta pública

No encontro a Consellería presentou a oferta de convocatoria de 600 prazas para mestres, 272 para profesores de ensino secundario; 66 para técnicos de Formación Profesional e 29 para música e artes escénicas. Do total das prazas convocadas 41 serán de promoción para pasar dos corpos do Grupo B (mestres e profesor técnicos) ao A (profesores de Secundaria), e 69 para discapacitados.

Sobre esta oferta o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos de Educación, José Manuel Pinal, asegurou que "a pesares do momento de crise que se está a vivir, a Consellería fai un importante esforzo e convoca preto de mil prazos para mestres e profesores. Deste modo demóstrase, unha vez máis, a preocupación deste goberno nos temas sociais e nomeao noso interese na formación dos alumnos, e en que a calidade do sistema educativo galego continúa mellorando".

Na reunión tamén quedou acordada a convocatoria de 13 novas prazas do concurso oposición para acceder ao corpo de inspectores de educación. Os interesados poderán acceder á solicitude no enlace web http://www.edu.xunta.gal/oposicions.

Novos directores de centros

Na mesma Mesa Sectorial presentouse igualmente a orde de convocatoria relativa ao concurso de méritos para a selección e nomeamento da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas regulas na LOE. A convocatoria refírese a aqueles centros nos que estea por rematar o mandato do actual equipo de dirección.

A outra orde estudada durante o encontro da Mesa Sectorial foi a relativa a convocatoria de axudas económicas para compensar os gastos derivados dos accidentes de tráfico de persoal en función docente ou inspectora, que pola seu labor deben desprazarse nos seus vehículos particulares por mor da programación do traballo, do carácter itinerante das funcións, o horarios dos centros e outros motivos.