O conselleiro de Cultura e Educación visita o CEIP Balaídos tras a inversión de máis de 253.600 realizada nas obras de acondicionamento do centro

Xesús Vázquez Abad lembrou que a Consellería está cumprir co seu compromiso de ampliar seis comedores escolares na cidade olívica, por un importe superior aos 1,5 millóns de euros

A Consellería leva ademais investido preto de 40.000 euros na implantación do Abalar no centro e na mellora da biblioteca escolar

Lun, 26/03/2012 - 17:19
O conselleiro de Cultura e Educación visita o CEIP Balaídos tras a inversión de
O conselleiro de Cultura e Educación visita o CEIP Balaídos tras a inversión de máis de 253.600 realizada nas obras de acondicionamento do centro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Balaídos, para comprobar o estado das instalacións do centro tras o investimento superior aos 253.600 euros destinado pola Consellería a obras de acondicionamento do centro. Durante a visita, na que estivo acompañado pola directora do centro, Mª Teresa Dopazo; e polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares; Vázquez Abad compartiu o xantar con alumnas e alumnos deste centro, nun comedor escolar que vén de ser renovado no marco do compromiso da Consellería de realizar obras de ampliación en seis comedores da cidade olívica, o que supón un investimento de 1,5 millóns de euros.

O conselleiro salientou o compromiso do departamento que dirixe con este centro, “materializado nestes traballos de acondicionamento, grazas aos que os 361 estudantes do CEIP Balaídos dispoñen xa dun colexio renovado”. Neste sentido explicou que os traballos realizados foran encamiñados, ademais de á devandita ampliación do comedor, á mellora dos espazos do ximnasio, instalación dunha cuberta no patio; así como á renovación da instalación de fontanería, entre outras melloras.

Así mesmo, Vázquez Abad explicou que a Consellería instalou este curso 2 aulas Abalar no centro, das que se benefician 31 alumnas e alumnos, o que supuxo un investimento de 22.510 euros. Ademais a Xunta de Galicia dotou no 2011 este centro de conexión á internet de 100 mbps, co fin de favorecer o seu traballo coas novas tecnoloxías da información e a comunicación.

Doutra banda, o conselleiro salientou o traballo da biblioteca escolar do colexio, unha das 449 integradas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, que leva recibido máis de 17.100 euros para actividades de fomento da lectura e mellora dos seus fondos e recursos.

Compromiso cumprido

Vázquez Abad reiterou que a Consellería está a cumprir co compromiso adquirido no relativo á ampliación de seis comedores na cidade de Vigo cun investimento de 1,5 millóns de euros.

De feito, xa están rematadas os traballos nos CEIP Frián-Teis, Otero Pedraio e Balaídos; e están en obras os comedores de O Pombal e Pintor Laxeiro – neste último centro está previsto que se remate a primeira fase das obras no Pintor Laxeiro en 2 meses- . Ademais a ampliación do comedor do CEIP Illas Cíes está en fase de adxudicación.