A Consellería de Cultura e Educación organiza a Mostra do Ensino 2012 para ofrecer orientación educativa e profesional á cidadanía galega

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad organiza este evento para achegar ás galegas e galegos as ensinanzas que se están a impartir en Galicia

Os visitantes da mostra poderán coñecer de primeira man o traballo diario que se está a desenvolver nas aulas con iniciativas para a mellora das competencias en linguas estranxeiras e para a integración das TIC no ensino

O Concello, a Deputación da Coruña e diversas empresas colaboran no patrocinio deste evento

Dom, 25/03/2012 - 10:45
Mostra do Ensino 2012
A Consellería de Cultura e Educación organiza a Mostra do Ensino 2012 para ofrecer orientación educativa e profesional á cidadanía galega

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria porá a disposición da cidadanía galega orientación educativa e profesional a través da Mostra do Ensino 2012, un evento que se celebrará no recinto de ExpoCoruña entre os días 11 e 14 de abril, e para cuxo patrocinio a Consellería contará coa colaboración do Concello e a Deputación da Coruña, así como de diversas empresas que veñen colaborando coa administración educativa.

O obxectivo da mostra é dar a coñecer ás galegas e galegos as diferentes opcións que o sistema educativo de Galicia lles ofrece para se formar, a través das diferentes ensinanzas de Formación Profesional, artísticas, musicais, deportivas e universitarias. Ademais neste encontro ofrecerase información sobre a educación para adultos que oferta a Consellería de Cultura e Educación.

Ademais, o espazo que albergará a Mostra do Ensino reflectirá as diferentes iniciativas que se están a desenvolver nos colexios e institutos galegos a prol da modernización do noso sistema educativo e co fin de acadar unha mellora do éxito escolar. Así, os asistentes ao evento poderán visitar unha aula Abalar e coñecer en primeira persoa os recursos cos que docentes e alumnos están a traballar nestas aulas, dentro do proceso de integración das novas tecnoloxías da información e a comunicación no ensino impulsado a través do Proxecto Abalar. Trátase dunha oportunidade para achegar á cidadanía o proceso de transformación dos centros educativos tradicionais en centros educativos dixitais a través deste proxecto, que o vindeiro curso chegará xa a 550 centros educativos e 44.500 alumnos.

Así mesmo, na mostra darase información aos cidadáns sobre as posibilidades que o sistema educativo galego está a ofrecer a quen desexen mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras, a través das actuacións postas en marcha pola Consellería ao abeiro do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras. Neste sentido, os interesados poderán coñecer a oferta de ensinanzas das Escolas Oficiais de Idiomas, ou a Rede galega de Centros Plurilingües e de Seccións Bilingües, entre outras das iniciativas que contempla este Plan.

Doutra banda, instalaranse stands nos que alumnos e profesores das distintas familias da FP ofrecerán demostracións sobre as competencias aprendidas nos seus respectivos ciclos e as posibles saídas profesionais. Ademais, prestarase asesoramento e información aos asistentes sobre as diferentes actuacións desenvolvidas pola Consellería no marco do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, 'eduemprende', así como orientación profesional.

Congreso

Durante os catro días que durará a mostra tamén se desenvolverá un congreso sobre formación e competencias na nova sociedade, coa participación de cualificados expertos  sobre a Formación Profesional, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación, e o ensino das linguas estranxeiras, ámbitos que constitúen boa parte das liñas de actuación prioritarias da Consellería.

Así mesmo, a última xornada do congreso estará dedicada á atención á diversidade do alumnado e á mellora da convivencia e o clima nas aulas, eidos nos que o departamento educativo da Xunta de Galicia xa ten manifestado o seu compromiso a través da publicación do Decreto polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, que representa a aposta da Consellería pola participación do conxunto da comunidade educativa e pola colaboración entre as distintas administracións para promover o desenvolvemento das potencialidades de cada estudante; así como da Lei de convivencia e participación da comunidade educativa, que  aborda, por primeira vez no plano lexislativo español, o tratamento de situacións de acoso escolar.