A Consellería de Cultura e Educación dá a coñecer o anteproxecto da Lei de Universidades

O documento pecha o desenvolvemento normativo do sistema universitario realizado polo actual goberno da Xunta, nesta lexislatura

Na elaboración do texto tivéronse en conta todas as suxestións presentadas polas universidades, consellos sociais, axencias de calidade e sindicatos, de xeito que o presentado hoxe é un resumo consensuado de todas as achegas

Xov, 22/03/2012 - 14:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deu a coñecer hoxe o anteproxecto de Lei de Universidades, co que pecha o desenvolvemento normativo do sistema universitario desenvolvido na actual lexislatura. Cómpre recordar que este anteproxecto é un paso definitivo cara á nova Lei de Universidades, desenvolvida tras máis de 20 anos de vigor da anterior Lei 11/1989, e que polo tanto é preciso adaptar o sistema universitario galego (SUG) ao actual mapa no que está implantado o Espazo Europeo de Educación Superior e aos actuais desafíos.

 

Entre os puntos máis significativos do anteproxecto está a creación e recoñecemento de novas universidades e centros no SUG. Así dáse conta de que as universidades, tanto públicas como privadas, deberán contar cun campus integrados coas estruturas precisas para a organización e desenvolvemento de ensinanzas conducentes, como mínimo á obtención de oito títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, sendo polo menos catro deles graos universitarios e dous programas de doutoramento, como mínimo en dúas ramas de coñecemento.

Ensinanzas non presenciais

As ensinanzas universitarias non presenciais regúlanse por primeira vez. A Xunta promoverá a súa impartición por parte das universidades do SUG co obxectivo de favorecer a cohesión social, o equilibrio territorial e a igualdade de acceso aos estudos superiores universitarios.

Colaboración

Un dos eixes centrais da lei é o fomento da colaboración entre universidades. Ser contemple a constitución dun consorcio interuniversitario para a xestión de servizos da súa competencia ou para a consecución de fins de interese común. Este consorcio substituirá a todos os organismos dispersos actualmente ineficientes (Bugalicia, Ciug, Normalización, Xestión de procesos, etc.) e desenvolver temas xa previstos no decálogo de medidas racionalizadoras do sistema universitario.

Mobilidade no SUG

Outro dos puntos reflectidos no Anteproxecto da Lei de Universidades e a promoción de medidas para obter unha política homoxénea sobre equipos, negociación colectiva e prestacións asistenciais para o persoal docente e investigador das universidades. As universidades e a Xunta facilitaran e fomentarán a mobilidade do persoal docente e investigador. As universidades estableceran canles de colaboración e coordinación que permitan un óptimo aproveitamento do recurso humanos do SUG, como por exemplo acontecería no caso de Medicina da súa docencia práctica. Con esta finalidade, formalizarán convenios de colaboración para que o seu persoal poida desprazarse temporalmente ou con dedicación parcial a centros fóra da súa universidade.

Asemade as universidades galegas promoverán a mobilidade dentro do SUG do seu persoal para o que acordarán, consensuado cos representantes sindicais, as fórmulas para desenvolver tal medida. Poderán afrontarse desta maneira concursos de traslados a nivel autonómico.

Na futura lei de universidades foméntase a especialización dos campus, o equilibrio territorial e a transparencia. Polo que atinxe aos organismos de supervisión, prodúcese a conversión en axencia autonómica da Axencia de Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG) e se outorga unha maior autonomía aos Consellos Sociais.

Desenvolvemento normativo

Con este anteproxecto dáse un paso máis desde a Consellería de Cultura e Educación de cara ao desenvolvemento normativo no eido universitario.

Isto engádese ao Plan de Financiamento universitario asinado a finais do 2010 que resaltara a importancia do financiamento crecente por resultados valorado a través de máis de 30 indicadores, e a sustentabilidade financeira.

Do mesmo xeito no 2011 deuse un paso máis co Decreto de titulacións racionalizando a oferta a partir dunha esixencia de niveis mínimos de demanda ao tempo que se desenvolveron novas titulacións adaptadas á contorna.

Péchase o ciclo lexislativo con este anteproxecto que refunde toda a lexislación universitaria actualmente dispersa (se derrogan catro leis). Ademais actualiza todas as actividades universitarias cunha visión moderna, establecendo as liñas xerais de actuación para unha universidade competitiva baseada nos principios de eficiencia, eficacia, descentralización, colaboración, mobilidade e coordinación.