O conselleiro de Cultura e Educación recibe en Galicia á Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística

A Xunta de Galicia é o organismo anfitrión na xuntanza da comisión executiva da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), que se desenvolverá entre hoxe e mañá na Cidade da Cultura de Galicia

A Administración autonómica forma parte desta rede europea, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, xunto con gobernos, institucións e asociacións da Bretaña, Frisia, Finlandia, Cataluña, O País Vasco, Gales, Escocia, Estonia, Córsega ou Irlanda

Lun, 19/03/2012 - 14:33
Xesús Vázquez Abad, recibiu hoxe aos membros da comisión executiva da Rede para
Xesús Vázquez Abad, recibiu hoxe aos membros da comisión executiva da Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, recibiu hoxe aos membros da comisión executiva da Rede para a Promoción da Diversidade Lingüística (en inglés, Netwoork to Promote Linguistic Diversity, NPLD), que celebra a súa primeira reunión anual estes días na Cidade da Cultura de Galicia. Un encontro organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a primeira ocasión na que o máximo órgano rector da NPLD celebra unha das súas reunións en Galicia.

O conselleiro deu a benvida aos membros que se trasladaron a Galicia para participar na reunión, momento que aproveitou para expoñerlles o compromiso que a Xunta de Galicia ten asumido en relación coa promoción do uso da lingua galega, da diversidade lingüística e do ensino plurilingüe. No transcurso da súa intervención explicou que “o Goberno de Galicia asumiu o compromiso de traballar en primeira liña para devolverlle á lingua galega a situación que lle corresponde como lingua propia deste pobo e como medio de expresión da nosa cultura secular”. Neste sentido manifestou “o noso empeño en tratar de avanzar día a día no proceso de promoción da nosa lingua”, un camiño “non exento de dificultades” no que a Xunta de Galicia “está a facer un grande esforzo para que a presenza do galego na educación, nas administracións, na vida pública e mesmo na empresa privada teña cada vez un peso maior”.

Ademais, Vázquez Abad expresou o seu apoio “aos esforzos que en distintas partes de Europa se están a levar a cabo pola dignificación e dinamización das linguas rexionais ou minoritarias. O voso esforzo é o noso mesmo esforzo, e se vós tedes éxito, nós tamén o teremos”.

A xuntanza

A Cidade da Cultura de Galicia foi o escenario escollido para celebrar esta xuntanza da comisión executiva da NPLD, na que participa o responsable da política lingüística da Xunta, Valentín García, e na que se tratarán durante dous días cuestións de funcionamento da NPLD, como o plan de traballo e o orzamento da organización para o ano 2012. No marco deste plan de traballo desenvolveranse e daranse a coñecer proxectos de promoción lingüística relacionados coa xuventude, coa educación, coa inmigración, cos medios de comunicación, coa empresa e co ámbito socioeconómico.

Así mesmo, previamente á xuntanza da comisión executiva, o grupo técnico de traballo da NPLD celebrou unha reunión para fixar as liñas mestras que seguirán durante os vindeiros meses. A función prioritaria deste grupo, do que a Secretaría Xeral de Política Lingüística forma parte desde maio de 2011, é a análise de diferentes aspectos da política europea en materia de linguas, especialmente aquela que ten que ver coas chamadas linguas europeas constitucionais, rexionais e de pequenos estados (en inglés, European Constitutional, Regional and smaller-state languages, CRSS). Deste xeito, este grupo técnico de traballo pretende converterse en punto de referencia europeo en termos de coñecemento e de difusión de experiencnias sobre a diversidade lingüística en Europa.

Promover a diversidade

A Xunta de Galicia é membro fundador e de pleno dereito da NPLD desde a súa constitución, o 11 de xuño de 2008. A NPLD centra o seu traballo na cooperación e no apoio a prol da promoción da diversidade lingüística no contexto europeo. Para isto, constituíuse como unha rede paneuropea que integra un total de 28 entidades, entre as que se inclúen gobernos, organismos e asociacións que teñen como cometido a promoción da diversidade lingüística no contexto dunha Europa plurilingüe.

En Europa fálanse máis de 200 idiomas e a maioría dos países deste continente posúen linguas rexionais ou minoritarias. Atendendo a esta realidade e á necesidade de favorecer esta riqueza, a NPLD preséntase como un foro de encontro e de coordinación entre as diversas institucións e asociacións europeas que traballan a prol do fomento das súas linguas minoritarias. Esta cooperación que permite a rede é de vital importancia para o desenvolvemento dunha estratexia planificada e coherente no recoñecemento e no futuro destas linguas. Con máis de dous millóns de falantes e con institucións propias de dedicadas á súa promoción social, o galego é unha das linguas rexionais que, no marco da Unión Europea, goza de maior vitalidade e representación social e institucional.