A Xunta demanda que a última proposta da ABAU sexa debatida en Conferencia Sectorial, debido aos cambios con respecto ao documento inicial

A Consellería de Educación presenta un paquete de alegacións ao novo texto ministerial que regulará o acceso á Universidade a partir de 2025

Insiste en habilitar mecanismos efectivos para a homoxeneidade das probas que garantan a igualdade real entre o alumnado das distintas comunidades

Pide que se recuperen as matrices e especificacións das probas de acordo aos currículos actuais, concretando as competencias e os criterios de avaliación

Dom, 07/04/2024 - 14:54
e

A Xunta de Galicia reclama que o último borrador real decreto co que o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes pretende regular as probas de acceso á universidade (ABAU) a partir de 2025 sexa debatido no marco da Conferencia Sectorial de Educación, xa que este texto presenta “diferencias significativas” respecto á proposta presentada en xullo de 2022. 

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de elevar ao Ministerio as alegacións, que fan de novo fincapé na necesidade de habilitar mecanismos efectivos para a homoxeneidade das probas e, deste xeito, garantir a igualdade real entre o alumnado independentemente da súa procedencia, unha cuestión irrenunciable nun contexto de distrito universitario único como é o caso de España. 

A Xunta denuncia que, con esta última proposta, o Goberno do Estado renuncia de facto á súa competencia de “deseñar unha proba cunha estrutura e uns parámetros comúns” e delega “por completo” o deseño das probas nas comunidades autónomas. Isto, na práctica, afastará aínda máis a consecución do obxectivo de garantir a equidade, a igualdade de oportunidades da mocidade e unha xusta concorrencia competitiva no acceso á universidade, como vén reclamando Galicia desde hai anos.

O Goberno galego entende que a última proposta de real decreto do Ministerio introduce cambios significativos como a eliminación da proba de madurez inicialmente presentada ou a falta de criterios de deseño e avaliación dos cuestionarios, polo que o novo documento debe ser analizado e debatido nos órganos correspondentes, dándolle voz ás comunidades autónomas, que deben ser escoitadas, posto que son as encargadas de aplicar as probas.

Así pois, a Xunta insiste en advertir que o Ministerio segue sen establecer “instrumentos de coordinación efectivos que permitan garantir o carácter de proba única que esixe a existencia dun distrito universitario único”, así como os principios “de igualdade, non discriminación, mérito e capacidade” que deben rexer na elaboración e realización das probas de acceso á universidade.

Outra das alegacións da Xunta pon o acento na falta de matrices de especificacións dos temarios das distintas materias, un  elemento clave nas características e no deseño das probas, xa que a través delas vincúlanse os currículos coas competencias específicas, os criterios de avaliación e os saberes básicos.

Isto é, que o Ministerio non aporta indicacións claras e obxectivas sobre o peso de cada materia, polo que vai dar como resultado exames aínda máis desiguais.