A Xunta esixe ao Ministerio de Universidades diálogo e negociación coas comunidades e que aclare como vai reducir a temporalidade docente sen orzamentos

O Goberno central non explica como asumirá este ano o pago das prazas anunciadas sen acordo previo dado que non ten previsión de aprobar Orzamentos en 2024

O conselleiro Román Rodríguez lamenta este xeito de facer política, resumido no “yo invito y tú pagas”, e reprocha a “falta de respecto á arquitectura institucional”

Mér, 03/04/2024 - 14:50
Vista aerea dun profesor de universidade lendo un documento

A Xunta de Galicia participou hoxe na Conferencia General de Política Universitaria en Madrid, onde se abordou a redución da temporalidade do profesorado universitario. No transcurso do encontro, ao que asistiu o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, 11 das 17 comunidades autónomas esixiron ao Ministerio de Universidades que aclare como vai executar o seu plan, despois de que Moncloa esixise adherirse in situ pese a non estar na orde do día.

 

Neste sentido, Galicia, ao igual que a inmensa maioría das comunidades, explicou que non é posible sumarse a un acordo cuxo contido e financiamento específico se descoñece e que non foi negociado previamente cos gobernos autonómicos a pesar de que se pretende que parte do financiamento recaia neles. Cómpre lembrar que o Goberno do Estado deixou sen efecto o grupo de traballo coas autonomías, que eles mesmos constituirán para abordar este asunto, anunciando un plan sen acordo previo.

 

Na Conferencia General de hoxe non houbo lugar a negociación, dado que o Ministerio indicou que as administracións autonómicas deberían adherirse ao acordo e pagar un terzo das prazas desde o curso 2024/25 ao 2027/28. Iso malia que o Ministerio non foi quen de aclarar como vai asumir o pago completo das prazas este ano, tendo en conta que o Goberno central non vai ser quen de aprobar Orzamentos para o 2024.

 

Posición vantaxosa de Galicia

A este respecto, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, lamentou en declaracións aos medios de comunicación que o Ministerio de Universidades afonde na política do “yo invito y tú pagas”, con accións “sen orzamento que as sustente”, o que representa “unha falta de respecto á arquitectura institucional do Estado español”. “É necesario que se acheguen fondos específicos ás comunidades autónomas, que somos as que financiamos practicamente o 100% dos sistemas universitarios autonómicos”, explicou o representante da Xunta de Galicia.

 

En todo caso, explicou que Galicia parte dunha situación vantaxosa: “Afortunadamente levamos tempo con plans de financiación plurianuais que están posibilitando que as universidades teñan os máximos orzamentos da súa historia”. En concreto, este ano a achega da Consellería de Educación ás universidades supera por primeira vez os 500M€. Nesta mesma liña, lembrou que na nosa Comunidade “se fixeron ben as cousas tamén en relación ás plantillas universitarias, polo que o impacto da medida será menor”.