Xesús Vázquez Abad comprométese a traballar pola construción dun sistema educativo que propulse a Galicia cara a vangarda económica e social

O conselleiro de Cultura e Educación afirmou hoxe nunha conferencia no Club Financiero de Vigo na que apostou por adaptar a FP e a Universidade á realidade sociolaboral

O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que Galicia é a única Comunidade que este ano aumenta as súas achegas ás universidades, en 2,7 millóns de euros

Mér, 07/03/2012 - 19:50
Conferencia no Club Financiero de Vigo
Xesús Vázquez Abad comprométese a traballar pola construción dun sistema educativo que propulse a Galicia cara a vangarda económica e social

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, pronunciou hoxe na Club Financiero de Vigo unha conferencia titulada ‘Cara un novo modelo universitario e de Formación Profesional’, na quedefendeu que “a formación é unha esixencia cotián que require adaptarse aos cambios e a adquisición de novas competencias profesionais e de novos coñecementos, unha actualización continua que se asemella imprescindible”. Neste sentido, e de cara ao futuro, o conselleiro comprometeuse a continuar traballando para acadar “unha oferta formativa máis variada, descentralizada e eficiente, enfocada a realidade e en plena coordinación cos demandas do mercado laboral”. “Se conseguimos isto, lograremos crear un sistema dinámico, que sexa semilleiro de emprendedores, ideas anovadoras e proxectos de I+D+i, un sistema que nos propulsará definitivamente cara a vangarda económica e social”, engadiu.

O conselleiro afirmou que “a educación é crucial para o noso desenvolvemento como país, porque a verdadeira sustentabilidade social, cultural e económica dun Estado comeza pola  formación dos seus cidadáns”. Seguindo esta idea, Vázquez Abad defende que só con amplos debates sobre os rápidos cambios que nos afectan “conseguiremos xerar as condicións necesarias para que podamos intervir, modificar e sentirnos responsables das decisións que tomemos en materia educativa”.

Para iso, o titular de Cultura e Educación, asegurou que a Formación Profesional e a Universidade han de constituír “obxectivos prioritarios de calquera país que se propoña estratexias de crecemento, de desenvolvemento tecnolóxico e de mellora das condicións e da calidade de vida dos seus cidadáns, aínda que non debemos de esquecer que a base do sistema educativo español dista moito de alcanzar resultados aceptables”. Por todos estes motivos, Vázquez Abad asegurou que “a educación debe ser considerada como o maior investimento de futuro, onde todas as administracións e axentes implicados debemos de implicarnos para acadar o modelo mais eficiente”.

Un modelo universitario sostible e eficaz

Nun dos documentos básicos producidos estes últimos anos, a ‘Axenda para a modernización das universidades: educación, investigación e innovación’, a Comisión Europea insta aos países membros a establecer as condicións necesarias para permitir que estas institucións melloren a súa actividade, se modernicen e fagan máis competitivas. Seguindo estas propostas, o Goberno de España elaborou a Estratexia Universidade 2015: contribución das universidades ao progreso socioeconómico español, unha estratexia ministerial encamiñada á modernización e coordinación das universidades.

Deste xeito, Vázquez Abad propuxo que todos os axentes e institucións vinculadas coa educación superior “traten de ser máis flexibles, de adaptarse e de buscar novas fórmulas para responder ás inmediatas esixencias sociais e as retos de futuro que conxuntamente temos que afrontar para acadar un servizo público de educación superior sustentable”. Para acadar este obxectivo, o conselleiro citou o exemplo do “traballo conxunto a prol da internacionalización e da calidade no ensino universitario” levado a cabo no Campus do Mar de Vigo.

Asemade, o titular de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asegurou que de cara o futuro deberá o novo financiamento “deberá concibirse como un instrumento de cambio, que sirva como elemento de incentivo para promover un modelo universitario sostible e que  apoie as transformacións necesarias para subsanar ou diminuír as actuais ineficiencias”.

Doutra banda, o conselleiro explicou que a aprobación do novo decreto que realizou a Xunta “racionaliza a oferta de titulacións en Galicia e regula os requisitos para a autorización de titulacións oficiais de grao, máster e doutoramento nas universidades do Sistema Universitario de Galicia”. “Estes cambios permitirán que as universidades poidan definir a organización, estrutura e contidos das ensinanzas universitarias oficiais, así como obter a garantía de que a oferta destas ensinanzas e títulos oficiais responde a criterios de calidade e a unha adecuada planificación”, aclarou.

Xesús Vázquez Abad afirmou que para que as titulacións propostas sexan autorizadas “deberán ter en conta a estrutura económica da Comunidade Autónoma, as necesidades do seu mercado laboral e a existencia dunha demanda por parte da propia sociedade e do estudantado, procurando a incorporación de perfís profesionais de futuro e vinculados aos sectores estratéxicos de Galicia, fomentando ao mesmo tempo o espírito emprendedor e o autoemprego dos titulados”.

Desta forma, o conselleiro subliñou que este decreto da Xunta de Galicia busca “unha mellor eficiencia e eficacia na administración dos recursos universitarios, ao tempo que aposta por un Sistema Universitario Galego de calidade, cunha oferta máis centrada na demanda e que cubra ás necesidades de educación superior precisas para o noso desenvolvemento socioeconómico”. Neste sentido, o conselleiro recordou o compromiso deste goberno coa ensino universitario é “efectivo e sen fisuras, proba diso, é que este ano Galicia é a única comunidade autónoma que aumentará nos seus orzamentos as achegas ás universidades, concretamente o aumento é de 2,7 millóns de euros”.

Formación Profesional orientada ao mercado laboral

Vázquez Abad defendeu que desde a súa chegada ao goberno da Xunta en 2009 iniciáronse unha serie de cambios na formación profesional coa finalidade de incrementar a oferta e de mellorar a súa calidade. Neste sentido, o conselleiro recordou algún datos relevantes do traballo feito que abalan a súa xestión, como: a Formación Profesional nos seus ciclos formativos e os Programas de Cualificación Profesional Inicial supera xa os 42.700 matriculados, un 23% máis que ao inicio da lexislatura; o número de prazas ofertadas en Centros Integrados de Formación Profesional, en cifras absolutas, pasou de 3.560 a 6.420, o que supón un incremento dun 80%; e o alumnado matriculado en Formación Profesional a distancia, pasou de 115 alumnos matriculados no curso 2010-2011, a 957 alumnos no presente curso.  

Para o titular de Educación, , todos estes datos dan conta dos cambios realizados desde a súa chegada ao Goberno, uns cambios destinados a “incrementar a oferta e, polo tanto, a matrícula, pero, sobre todo, a adecuar e harmonizar a estrutura educativo-formativa e o currículo á realidade sociolaboral”. “O obxectivo principal é dar respostas ás esixencias do alumnado e da sociedade, que demandan unha maior pericia e capacidade prospectiva ás institucións e administracións educativas para deseñar itinerarios e currículos conducentes á súa inserción no mercado laboral”.

Segundo o conselleiro, “estas ensinanzas están chamadas a desempeñar un papel crucial na preparación do  noso capital humano para conseguir un sistema produtivo competitivo e de oportunidades”.