O conselleiro de Cultura e Educación reúnese cos beneficiarios das axudas ´Starting Grants’ para a investigación

Ademais de Xesús Vázquez Abad os cinco seleccionados galegos tamén estiveron co secretario xeral de Universidades e a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria

Os beneficiarios do programa do Consello Europeo de Investigación, cun orzamento de ata 1.500.000 euros durante cinco anos, teñen a oportunidade de converterse en líderes de grupos de investigación

Mar, 06/03/2012 - 19:10
O conselleiro de Cultura e Educación reúnese cos beneficiarios das axudas ´Start
O conselleiro de Cultura e Educación reúnese cos beneficiarios das axudas ´Starting Grants’ para a investigación

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, mantivo está maña un encontro cos cinco investigadores galegos beneficiarios das axudas Starting Grants convocadas polo Consello Europeo de Investigación.

Durante o encontro o Vázquez Abad recordou a aposta da Consellería pola investigación e pola innovación, e sinalou que “é unha gran alegría e unha honra ter este encontro con profesionais que ven recompensados os seus traballos, neste caso no eido da investigación”. Cómpre destacar que o Conselleiro incidiu en que resulta gratificante manter este encontro cos seleccionados xa que eles demostran a calidade da nosa ciencia está á altura amosando a capacidade de Galicia de competir en proxectos de investigación básica de calidade a nivel europeo.

Os beneficiarios

Ademais do conselleiro, na reunión desenvolvida hoxe en San Caetano, tamén estiveron presentes o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e a subdirectora Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, María Jesús Tallón, así como os cinco beneficiarios, catro deles procedentes da Universidade de Santiago e un da de Vigo. Cómpre salientar que tres deles foron beneficiarios na última convocatoria dun total das 25 axudas que se deron en toda España.

O encontro tiña por obxectivo coñecer as súas necesidades e demandas para que as liñas de investigación que desenvolven podan manter o esixente nivel que implica estar situados na vangarda das súas disciplinas. Tras esta toma de contacto inicial hai un compromiso, por parte da Consellería de Cultura e Educación, de estudar as accións que sería posible levar a cabo nesta mesma anualidade para apoiar os traballos destes investigadores.

Starting Grants

Cómpre salientar que o programa Starting Grants pertence ao Consello Europeo de Investigación (ERC) e esta destinado a axudar á creación de grupos de investigación independentes para científicos que se atopan no inicio da súa carreira profesional.

Cun orzamento de ata 1.500.000 euros (e excepcionalmente ata dous millóns de euros) por un máximo de 5 anos as Starting Grants supoñen unha verdadeira oportunidade para que investigadores novos, con boas ideas, podan converterse en líderes de grupos de investigación evolucionando dende o traballo titorado por outros investigadores ata a creación de liñas propias de investigación sustentando os seus propios grupos de traballo.