Política lingüística difunde a lingua e a cultura galegas en París nunha feira internacional con máis de oitenta idiomas

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo participa ata o sábado na Expolangues 2010, unha cita que busca promover o estudo das linguas, favorecer o multilingüismo e desenvolver a comunicación internacional

Mér, 03/02/2010 - 08:33
Expolangues Francia
Expolangues Francia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria participa desde hoxe e ata o día 6 na Expolangues 2010. Trátase dunha feira internacional na que participan trinta países e máis de oitenta linguas e que, desde hai 25 anos, busca promover o estudo das linguas, favorecer o multilingüismo e desenvolver a comunicación internacional. Política Lingüística, que vén acudindo habitualmente a esta cita nos últimos anos, conta cun expositor no que os visitantes poden informarse sobre os cursos e outros programas de aprendizaxe da lingua galega, sobre os recursos e diversos materiais disponibles para coñecer este idioma ou acerca da historia e da situación actual da lingua propia de Galicia.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén ofrecerá información sobre a rede de proxección exterior da lingua e principalmente sobre os centros de estudos e as cátedras nos que é posible aprender galego e achegarse á cultura de Galicia. Deste xeito, os visitantes poderán coñecer de preto o funcionamento e os programas de aprendizaxe que ofertan os centros de estudos galegos nas universidades francesas de París III e de Rennes 2. Ademais, a presenza da Xunta de Galicia na Expolangues 2010 tamén permitirá difundir a información sobre a situación da lingua galega e intercambiar experiencias con outras institucións representadas neste espazo de encontro entre as linguas.

As expolinguas, un espazo para o intercambio cultural

Expolingua é o centro de reunión para todos aqueles que ofrezan ou busquen produtos e servizos relacionados co ensino de idiomas en todo o mundo, e coa formación universitaria e profesional. Ao tempo, é un escaparate das últimas novidades editoriais e dos avances tecnolóxicos aplicados á lingüística ou á internet. O perfil de visitantes e expositores é variado: estudantes á procura de cursos de idioimas, de estadías no estranxeiro ou de material didáctico, profesores interesados nas últimas tendencias e innovacións para mellorar as súas clases, editores, tradutores, intérpretes etc.
Este tipo de iniciativas pretenden servir, polo tanto, de espazos de encontro de institucións lingüísticas procedentes de diversos países do mundo e mais de entidades de formación en idiomas co fin de fomentar o intercambio cultural e a promoción da diversidade lingüística. Ao mesmo tempo, as expolinguas constitúen un escaparate de referencia para dar a coñecer ferramentas e posibilidades de aprendizaxe das linguas.