O colexio Raquel Camacho da Coruña e o CIFP A Carballeira de Ourense gañan o concurso escolar das letras galegas para homenaxear a Luísa Villalta

O certame, promovido pola Consellería de Cultura e Educación premia as mellores exposicións elaboradas polos centros para divulgar a figura da escritora coruñesa

A colección de 10 carteis que integra cada mostra e a súa guía didáctica distribuiranse en centros de ensino de Galicia e do exterior, centros de estudos galegos, concellos, bibliotecas e outros lugares de interese

Mar, 27/02/2024 - 12:10
l

O concurso escolar da Xunta de Galicia para a elaboración da exposición sobre Luísa Villalta, autora homenaxeada o Día das Letras Galegas 2024, xa ten gañadores: o Colexio CEIP Raquel Camacho, da Coruña, e o Centro Integrado de FP CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, de Ourense.

En concreto, o colexio coruñés alzase co premio na categoría destinada aos centros de Educación Infantil e Primaria pola mostra Tatuada na pétrea pel do mar; mentres que o centro ourensán e a súa exposición Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta Gómez é o gañador na categoría destinada a centros de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial.

Cada centro educativo gañador recibirá un premio en metálico de 2.000 €, mentres que o profesorado implicado obterá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto).

Con esta iniciativa anual, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, impulsa e promove a celebración das Letras Galegas durante todo o curso escolar entre a rapazada.

Distribución das exposicións

Ademais, cada exposición vén acompañada da correspondente guía didáctica, que permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época da autora a quen se lle rende homenaxe nestas Letras Galegas.

A colección de 10 carteis que integra cada mostra e a súa guía didáctica serán impresas e distribuídas en centros de ensino de Galicia e do exterior, centros de estudos galegos, concellos, bibliotecas e outros lugares de interese. Tamén estará dispoñible no Portal da Lingua Galega para a súa descarga libre e gratuíta, canda outros materiais.