A Xunta salienta as boas prácticas do instituto IES Laxeiro no eido da internacionalización educativa

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, coñece de primeira man o traballo que desenvolve este centro

Lun, 29/01/2024 - 13:13
l

A Xunta de Galicia destaca o Instituto IES Laxeiro como un exemplo das boas prácticas no eido da internacionalización educativa en colaboración con outros países. Así o puxo de manifesto esta mañá a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, que se achegou a este centro para coñecer de primeira man os distintos proxectos que teñen en marcha.

De feito, o IES Laxeiro conta coa acreditación Erasmus+ desde o ano 2021 e tamén obtivo distintivo eTwinning School durante dúas convocatorias consecutivas, selos de calidade que avalan o traballo do centro que, ademais da internacionalización, fai especial fincapé en accións de atención á diversidade e á igualdade do seu alumnado.

Na súa visita, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa agradeceu a implicación tanto de profesorado como do alumnado na posta en marcha dos distintos programas educativos que, segundo recalcou, “teñen unha repercusión positiva no día a día nas aulas”.