Román Rodríguez felicita o profesorado galego por ser unha referencia estatal contra o abandono escolar

Salienta o labor dos docentes que, na procura do mellor para o alumnado, converten a Galicia nunha das comunidades cunha menor taxa de abandono temperá

Lembra que os datos oficiais coñecidos onte sitúan a Galicia en mínimos históricos cun 8,8%, é dicir, case cinco puntos mellor que a media de España de 13,6%

Anima a “imitar o modelo de ensino galego”, pois mentres España segue incumprindo o obxectivo da UE para 2020, Galicia adiántase sete anos e xa cumpre o de 2030

Sáb, 27/01/2024 - 14:09
a

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, felicitou hoxe o profesorado galego por ser unha referencia a nivel estatal na loita contra o abandono escolar, logo de coñecer os datos oficiais que sitúan a Galicia en mínimos históricos, cunha redución progresiva desta taxa ata o 8,8%.

Nunha valoración aos medios de comunicación en Ferrol, o titular de Educación da Xunta de Galicia salientou que o traballo dos docentes ao longo dos anos converte hoxe a Galicia unha das comunidades autónomas cunha menor cifra de abandono. En concreto, o rexistro de Galicia está case cinco puntos por debaixo do 13,6% da media de España, que onte fixo público o Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes.

Isto supón, como lembrou o conselleiro, que Galicia se adianta sete anos ao obxectivo do 9% fixado pola Unión Europea para 2030, dado que xa o cumpre en 2023. Pola contra, e a pesares da boa marcha de comunidades como Galicia, España continúa incumprindo, tres anos despois, o obxectivo da UE para 2020, que instaba a reducilo entón a un 10%.

Á vista destas cifras, Román Rodríguez animou a “imitar o modelo galego e interesarse polo traballo que desenvolven os profesionais galegos nos centros educativos” a través de iniciativas de orientación, reforzo das competencias, especial atención a quen máis o precisa, convivencia escolar ou fomento dos itinerarios personalizados na FP.

O dato do abandono escolar súmase aos informes oficiais publicados nas últimas semanas e que sitúan ao sistema educativo galego nunha posición destacada. É o caso do informe do Ministerio que conclúe que Galicia é a comunidade onde máis mellorou o nivel de estudos da poboación en 20 anos; o informe PISA, que coloca a Galicia no posto 12 a nivel internacional fronte ao 28 de España, con liderado en ciencias e equidade, ou o estudo referencial de EF que revela que o alumnado galego ten o mellor nivel de inglés xunto co asturiano.