A Xunta daralle o nome de Domingo Villar ao novo instituto de Navia, que contará cun orzamento de 14M€

O Consello acórdao tras analizar o convenio entre a Consellería de Educación e o Concello de Vigo para a creación deste centro

O Goberno galego ten comprometidos 14M€ para a construción do instituto, o primeiro que se axustará aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Estase redactando o proxecto e a previsión é licitar as obras ao longo de 2024, en canto o proxecto estea supervisado e asinado o convenio co Concello para a cesión dos terreos

Os espazos serán flexibles e polivalentes e o edificio reducirá o consumo en aproximadamente un 30% respecto de outros similares

Xov, 25/01/2024 - 17:18
n

O novo instituto IES de Navia levará o nome do escritor Domingo Villar, finado en maio de 2022. O obxectivo é render homenaxe ao autor vigués, dándolle o seu nome a un centro no que se formarán as futuras xeracións da cidade da oliveira. Cómpre salientar, ademais, que Villar é un dos autores máis lidos nos Clubs de Lectura das bibliotecas escolares, dado que logrou crear unha gran conexión co público xuvenil.

Así o acordou hoxe o Consello da Xunta, que tamén analizou o convenio entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e o Concello de Vigo para a creación deste centro, logo de que o Concello dera ok o martes á proposta remitida pola Consellería. Ao abeiro deste documento, o Goberno galego construirá o centro cun orzamento aproximado de 14M€ (á espera do proxecto definitivo), unha cifra moi superior ao inicialmente previsto. A Consellería ten un compromiso orzamentario inicial por anualidades de 103.769,45€ para 2024, 6.761.639€ para 2025 e 6.761.639€ para 2026.

Nestes momentos, estase redactando o proxecto de construción do novo Instituto IES de Navia, logo de que a Xunta adxudicara dita encarga en novembro de 2023 á UTE formada polas empresas Iglesias y Veiga Arquitectos e Mestura Arquitectes, por un importe de 328.000€. A previsión é licitar as obras ao longo de 2024, en canto o proxecto estea supervisado e asinado o convenio co concello para a cesión dos terreos.

Pola súa banda, o Concello de Vigo comprométese no convenio a axilizar todos os trámites municipais de posta a disposición dos terreos necesarios (unha parcela de 12.576m² totais no barrio de Navia), concesión de licenzas de obras, primeira ocupación e actividade, unha vez comprobada a adecuación do proxecto á normativa técnica e urbanística de aplicación, e o axuste das obras a licencia outorgada.

O novo instituto, que atenderá as necesidades educativas derivadas da dinámica poboacional nunha área de expansión como é o barrio de Navia, deseñarase seguindo as especificidades académicas, tecnolóxicas e de sostibilidade recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta para todas as actuacións que se acometen en centros educativos. Será o primeiro instituto construído en base a estes parámetros.

Integrado na natureza

De acordo co plan funcional inicial, o novo instituto terá capacidade para arredor duns 700 alumnos de ESO e Bacharelato e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 m². Dividirase en catro plantas (semisoto, planta baixa e dúas plantas altas), aproveitando a pendente da parcela e integrándose coa natureza. A cafetería e os ximnasios sitúanse como espazos conectados en volumes independentes, con porche exterior. A superficie útil total é de 7.177,72 m².

O edificio principal contará cun gran vestíbulo multifuncional, ágora exterior e interior, foros, aulas de ESO e Bacharelato e de desdobre, biblioteca, zonas de taquillas, aseos, sala de profesores e local para a anpa, zona de instalacións e aulas específicas (maker, de música, de tecnoloxía, laboratorios, seminarios...).

O proxecto integra a masa arbórea de especies autóctonas que hai ao norte da parcela como eixo vertebrador das circulacións do centro. Os espazos exteriores ocupan 8.018,89 m² e están compostos polos bosque, o patio cuberto e a pista deportiva descuberta, ademais dun patio verde.

Espazos flexibles e polivalentes

Seguindo o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a organización espacial está pensada para que as distintas áreas funcionais fomenten a autonomía do alumnado e, ao mesmo tempo, lugares de encontro para os estudantes de diversos ciclos. Propóñense espazos docentes acolledores e interactivos, que fomenten novos modelos de aprendizaxe, dinámicos e adaptables.

Todas as aulas do mesmo ciclo agrúpanse e permiten, mediante a apertura de tabiques móbiles, a unificación ou separación de dous espazos. Ademais, establécense secuencias de espazos conformando paisaxes de aprendizaxe, a modo de foros, espazos polivalentes centrais comúns que permiten expandir tanto as aulas como os espazos de apoio ou desdobre para poder compartir traballos ou experiencias.

Redución do 30% no consumo

En canto aos elementos construtivos, as cubertas serán inclinadas de chapa sándwich de aceiro lacado e alma illante sobre subestrutura con rotura de ponte térmica e as fachadas, de prefabricados de formigón armado branco de 12cm de espesor anclada con perfís de aceiro galvanizado ou inoxidables e outra tipo SATE, segundo a zona. As fiestras serán de aluminio con rotura de ponte térmica de altas prestacións, con acristalamentos dobres con factor solar e illamento acústico.

O edificio construirase con criterios de aforro enerxético, baseado en elevados niveis de illamento en todos os elementos, mediante un sistema construtivo que garante o illamento continuo en toda a envolvente, control de infiltracións de aire e optimización das ganancias solares mediante unha óptima orientación. Deste xeito, preténdese reducir nun 30% o consumo enerxético respecto de edificios similares.