A Xunta destaca desde Ponteceso o potencial das escolas rurais dentro do sistema educativo galego

O director xeral de Centros da Consellería coñece de primeira man as iniciativas e as boas prácticas que desenvolve o Centro Rural Agrupado CRA Nosa Señora do Faro

Xov, 25/01/2024 - 15:13
p

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta de Galicia, Jesús Álvarez, destaca o potencial das escolas rurais dentro do sistema educativo galego tanto no eido académico, cun ensino de calidade e coas mesmas oportunidades que nos ámbitos urbanos, como no eido social e de servizos.

Así o salientou esta mañá durante unha visita ao Centro Rural Agrupado CRA Nosa Señora do Faro, en Ponteceso, onde puido comprobar de primeira man todas as iniciativas educativas que se desenvolven neste centro que dá servizo aos concellos de Ponteceso, Malpica de Bergantiños e Cabana de Bergantiños a través de sete lugares de docencia que aglutinan 42 alumnos (19 de Infantil e 23 de Primaria).

Segundo o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, este colexio rural “é a proba evidente de que en Galicia o ensino do rural e do urbano están en pé de igualdade, con acceso aos mesmos programas innovadores”. Non en balde, o CRA Nosa Señora do Faro é pioneiro na incorporación das novas tecnoloxías á educación e participa activamente en programas da Xunta como o Club de Ciencias, os Contratos-Programa tanto na modalidade CPInclúe como CPInnova ou noutros como o Club de Lectura. Ademais conta con Polo Creativo e é centro plurilingüe.

Desde o 2002 leva participando en diversos programas europeos vinculados á innovación educativa (ICT Program, Minerva, Comenius...). Así mesmo, no curso 2005 foi o primeiro centro de Primaria a nivel nacional certificado en calidade educativa pola ISO 9001 por Aenor, certificación que renova cada ano a través de auditorías internas e externas.

Ademais, mantén unha colaboración estreita coas universidades galegas e coa Fundación Princesa de Girona no eido de programas de mestres en prácticas e formación en novas metodoloxías.