A directora xeral de FP destaca a aposta de Nervión Naval Offshore pola formación dual de 46 alumnos en colaboración con catro centros de Ferrolterra

Eugenia Pérez visita as instalacións desta firma especializada en estruturas eólicas onde alumnado dos ciclos de soldadura, mecatrónica, fabricación mecánica, transporte e administración realizará a súa formación práctica a partir de marzo

Mér, 24/01/2024 - 17:50
f

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá as instalacións da empresa Nervión Naval Offshore nas Somozas, para coñecer a nova planta de compoñentes de eólica mariña onde 46 alumnos de FP Dual de catro centros da comarca de Ferrolterra van desenvolver a súa formación práctica a partir de marzo.

Na visita, a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades estivo acompañada de responsables das direccións dos institutos IES Castro da Uz (As Pontes) e IES de Fene e dos centros integrados de FP CIFP Ferrolterra e Rodolfo Ucha (ambos en Ferrol), así como dos alumnos destes centros que dentro de algo máis dun mes van comezar a formarse nas instalacións da citada empresa grazas ao convenio asinado en 2023 entre a Xunta de Galicia e esta firma especializada en fabricación e ensamblaxe de estruturas fixas e flotantes para a eólica mariña. Trátase de estudantes de FP Dual dos ciclos medios de Soldadura e caldeiraría, Mecatrónica industrial e Deseño en fabricación mecánica e dos ciclos superiores de Deseño en Fabricación mecánica, Mecatrónica, Administración e finanzas e Transporte e loxística.

A directora xeral de FP da Xunta subliñou a “oportunidade” para que estes alumnos poidan combinar as súas actividades académicas con formación práctica nunha empresa de referencia do sector e na súa nova planta de compoñentes de eólica mariña que acaba de poñer en funcionamento no polígono industrial das Somozas. Tamén agradeceu a implicación desta empresa coa aposta da Xunta polo impulso da FP e avanzou que esta colaboración vaise ver reforzada aínda máis no futuro “con novos proxectos que darán continuidade aos xa existentes”.