Xunta e sindicatos supervisan a posta en marcha das primeiras medidas do acordo de mellora estrutural do sistema educativo

Este mes entran en vigor as cláusulas referidas aos incrementos retributivos de complementos por formación, por desempeño de funcións directivas e de titoría.

Analizan as instrucións de admisión do curso que vén, que incorporan xa as novas rateos acordadas coas organizacións sindicais.

Na reunión tamén se informou da constitución de grupos por etapas educativas para a simplificación administrativa, conforme ao pactado sobre a redución da burocracia.

Mar, 09/01/2024 - 16:12
Bertolo reunido cos dos sindicatos

O director xeral de Centros da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Jesús Álvarez, reuniuse hoxe con representantes das organizacións sindicais CCOO, Anpe e UGT-SP Ensino na primeira xuntanza da Comisión de Seguimento do Acordo para a Mellora do Sistema Educativo de Galicia.

 

No encontro supervisouse a posta en marcha das primeiras medidas deste pacto, entre elas as referidas ás melloras das condicións salariais, ás novas rateos ou á simplificación da carga administrativa nos centros escolares.

 

Este mesmo mes entran en vigor as cláusulas do acordo referidas á consolidación da carreira profesional docente primando a adquisición de competencias e a especialización a través da mellora dos complementos específicos por formación permanente do profesorado, por funcións directivas e de titoría, que xa se van aplicar nas nóminas de xaneiro.

 

Aplicación das novas rateos

Ademais, na xuntanza analizáronse as instrucións para o proceso de admisión do curso 2024/25, que incorporan xa as novas rateos, e que hoxe mesmo se remiten aos centros. Así, especifícase que á hora de configurar a oferta de prazas, en 4º de Educación Infantil, a rateo máxima é de 20 postos por unidade, fronte aos 25 actuais.

 

Nos demais cursos (5º e 6º de Infantil e de 1º a 6º de Primaria), o próximo curso non se vai incrementar o número de alumnos que teñen na actualidade, xa que non se van ofertar prazas vacantes para completar ata os 25 que marca a rateo vixente. Por exemplo, se nunha aula hai hoxe 21 alumnos, o próximo curso seguirá tendo, como máximo, eses 21 alumnos, e non se cubrirán vacantes ata completar os 25 como se viña facendo ata o de agora. O mesmo ocorrerá para os casos de 22, 23 e 24 alumnos matriculados.

 

Tamén se indica que, para computar o número de postos escolares, contarase como dous postos escolares cada alumno con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% e inferior ao 65% ou cun grao I de dependencia ou cun trastorno grave de conduta e como tres os dos escolares cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65% ou co nivel II ou III de dependencia.

 

En canto ao calendario, o prazo de presentación abranguerá do 15 de xaneiro ao 5 de febreiro para as solicitudes de reserva de praza (para alumnado procedente de centros adscritos) e do 1 ao 20 de marzo para as solicitudes ordinarias de admisión (alumnos que entran por primeira vez no sistema educativo ou que desexa cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles).

 

Grupos de traballo para simplificación administrativa

No que atinxe a outra das demandas das organizacións sindicais como é a simplificación administrativa e a redución da burocracia, dentro deste mes de xaneiro constituiranse os grupos de traballo encargados de elaborar o plan a implantar no curso 2024-25, tal e como quedara recollido no acordo.

 

Trátase de catro grupos a razón de un por cada unha das ensinanzas (Infantil e Primaria, ESO e Bacharelato, FP e Ensinanzas Especiais), que estarán integrados cada un deles por cinco persoas (catro representantes de equipos directivos e un inspector-coordinador) e que comezarán a traballar xa desde febreiro co obxectivo de elevar propostas de mellora antes de que remate o curso co obxecto de que se poidan implantar no inicio do seguinte curso 2024-25.

 

Tal e como explicou o director xeral, haberá catro grupos de traballo, unha para as etapas de Infantil e Primaria, outro para ESO e Bacharelato, un terceiro para os Centros Integrados de FP e outro para os que imparten Ensinanzas de Réxime Especial (escolas oficiais de idiomas, conservatorios...). Cada un deles estará integrado por cinco persoas (catro representantes de equipos directivos e un inspector-coordinador), que comezarán a traballar xa desde febreiro. A maiores, haberá un grupo de coordinación xeral, formado por representantes da Administración educativa, das organizacións sindicais asinantes do acordo e da Xunta autonómica de Directores.

 

O obxectivo destes grupos é elevar propostas de mellora antes de que remate o curso co obxecto de que se poidan implantar no inicio do seguinte curso 2024-25.