Declaración institucional con motivo do Día Escolar da paz e da non- violencia

Reafirmouse o compromiso en prol da loita por un mellor sistema educativo

Xov, 28/01/2010 - 18:56

Hoxe, Día Escolar da Non-Violencia e da Paz, dende as institucións autonómicas da nosa terra reafirmamos o noso compromiso e mais a nosa vontade política a prol da loita na procura dun sistema educativo cada vez mellor, máis xusto e solidario.

Aspiramos a que as nenas e mais os nenos de Galicia aprendan a convivir plenamente coa diversidade humana, política e cultural, coñecendo mellor os demais e creando un espírito novo que impulse a realización de proxectos comúns para a solución pacífica e intelixente dos conflitos que sen dúbida atoparán ao longo das súas vidas.

Dende que, en 1964, se instaurou a celebración desta xornada, a súa mensaxe é un dos máis esperanzadores resortes para a promoción dos valores que fan posible a posta en marcha de contidos educativos baseados na aprendizaxe de pautas de comunicación e de convivencia.

Trátase de valores imprescindibles na sociedade global que está a se erguer perante nós, cada vez con maior e máis formidable presenza consonte avanza o século XXI.

A xente e mais a terra forman parte activa e viva dun escenario en que a pluralidade, lonxe de prexudicar ou diminuír o rendemento dos nosos alumnos, serve para incentivar e dar pulo á experiencia educativa.

Neste ámbito, hoxe máis que nunca, a cooperación da sociedade civil e das familias coas institucións do autogoberno da nosa terra constitúe un elemento primordial para a conquista dos obxectivos máis cobizados.

Se algunha institución permite aproveitar ao máximo os valores da diversidade, esa institución é a familia: conta co talismán dos nenos, coa súa mente limpa e allea aos prexuízos dos maiores e que ao cabo é a mellor terra de cultivo en que realizar a sementeira das ideas da convivencia, do respecto mutuo e da tolerancia.

E coa familia, o profesorado: os homes e mulleres que imparten o seu maxisterio e que na nosa terra integran, sen dúbida, un dos colectivos mellor equipados no senso humanitario e cultural do noso contorno occidental.

Nós, dende Galicia, asumimos dun xeito total e insubornable eses obxectivos, conscientes de que -co esforzo de todos, sen excepción de ningunha caste- conseguiremos consolidar un sistema educativo capaz de potenciar e aproveitar todo canto de bo leva o ser humano no inmenso caudal da súa sensibilidade.

Reiteramos o noso compromiso, convencidos de que a semente do porvir está nas aulas.

Sabemos que se a educación, é dicir, a preparación ética e instrumental dos máis novos fracasase, fracasaría tamén o país enteiro en todas as súas dimensións. Non só educativas, senón tamén políticas, económicas e culturais.

Nesta xornada emblemática e xerminal, sabemos que non será así e que camiñamos na procura dos horizontes do futuro. Nas escolas galegas habita o porvir das novas xeracións e todos cantos esforzos realicemos nese horizonte de mellora radical, sempre serán poucos para superar os retos e desafíos que ergue perante nós a sociedade global.

Dende a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria facemos, hoxe, un chamamento á sociedade civil de Galicia. Queremos contar e contamos co seu apoio imprescindible.

Estamos a dar os primeiros pasos dunha nova xeira colectiva e aspiramos a que as familias galegas e mais o profesorado da nosa terra nos acompañen nesta esforzada e apaixoante tarefa que fará dos escolares de hoxe os homes e as mulleres dunha sociedade dialogante, cordial e portadora dos invencibles programas da paz e da solidariedade universal.