Xesús Vázquez Abad anuncia a reapertura do acuario do Museo do Mar de Galicia para este sábado

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitou as instalacións do recinto de Alcabre xa adaptadas aos requerimentos da Unión Europea

Durante todo o sábado a entrada será de balde e terase a oportunidade de ver cómo un acuarista se submerxe no tanque diante do público para alimentar aos peixes

Mér, 29/02/2012 - 21:31

O conselleiro hoxe, durante a súa visita ao acuario

Acuario do Museo do Mar
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na visita ás instalacións do Acuario do Museo do Mar

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, anunciou hoxe que a reapertura do acuario do Museo do Mar de Galicia, unha vez adaptadas as súas instalacións aos requerimentos da Unión Europea, se producirá o vindeiro 3 de marzo.

Durante unha visita realizada na tarde de hoxe ás instalacións do recinto de Alcabre, coa que o conselleiro refrenda o seu apoio ao Museo do Mar de Galicia, Vázquez Abad comunicou que “a partir deste sábado as instalacións abrirán as portas a todo o público”. Asemade, sinalou que “o primeiro día os visitantes poderán entrar de balde, e ademais terán a posibilidade de ver cómo un acuarista se mergullará no tanque para alimentar aos peixes”.

Durante a visita, o conselleiro estivo acompañado pola nova directora do Museo, Marta Lucio, que explicou que “a estratexia deste centro pasa pola optimización dos recursos propios, así como a procura de financiamento privado, a colaboración con outras institucións e a potenciación da área de arqueoloxía marítima”.

O acuario

Dende o 3 de marzo, as portas do Acuario abriranse unha vez que as instalacións foron axeitadas á normativa da Unión Europea, e cos correspondentes permisos concedidos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras.

Cómpre destacar que a xestión do acuario ven de ser adxudicada á empresa Servizos e Materiais S.A. (SERMASA) por un importe de 173.370 euros, o que significa un aforro de máis dun 10% sobre a anterior adxudicataria. Dentro dos compromisos da nova empresa está a compra de novos peixes, así como a potenciación de exposicións, de acordo coas directrices do Museo do Mar de Galicia, que potencien o carácter didáctico do centro.

As instalacións

O acuario é un dos principais atractivos do Museo, tal e como dan conta os máis de 25.000 visitantes que visitaron as súas instalacións ao longo do ano pasado. Trala súa reapertura, voltará a amosar os seus tres diferentes ambientes mariños: 1) o ecosistema das rías transformado polas actividades portuarias, coa súa fauna e flora típicas; 2) as rías transformadas pola acción da acuicultura, destacando a zona con cordas de mexilón; e 3) o ambente virxe das Illas Cíes.

Neste senso, o conselleiro destacou tamén a importancia do acuario no ámbito educativo. “Esperamos –sinalou- que se converta nun referente para aproximar a realidade do mar aos nosos estudantes, xa que a través deste recinto poderán ter unha visión próxima do que acontece no fondo mariño. Este recinto singular permite dar a coñecer a vida das criaturas mariñas, así como os seus costumes e seu desenvolvemento nun espazo que imita o hábitat natural”.

O obxectivo do acuario é reforzar a idea da explotación sostible dos recursos das rías galegas, e servir ademais como aula de interpretación do Parque Nacional das Illas Atlánticas na súa parte sumerxible. Todo isto, a través dun único tanque de 140 metros cúbicos de auga e 200 metros cadrados de superficie no que conviven ducias de exemplares dunhas corenta especies de vertebrados e invertebrados, entre os que destacan a musola estrelada ou cazón branco, as patarroxas, raias, xurelos, corvelos, sargos, bois, peixes, porcos, langostas, lumbrigantes, entre moitos outros.

Para celebrar a súa reapertura, o sábado a entrada ao acuario será de balde (o seu prezo habitual, independente do Museo, é de 2 euros a entrada normal e de 1 euro para nenos e xubilados), e ás 12:00 h. unha acuarista do Museo submerxirase dentro do tanque para dar de comer aos peixes diante do público.

O horario do acuario será, entre o 16 de setembro e o 14 de xuño (horario de inverno), de 10 a 14 h. de martes a venres, e de 11:00 h. a 19:00 h. de sábado a domingo. Do 15 de xuño ao 15 de setembro (horario de verán), abrirá de 11:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h., de martes a vernes, e de 11:00 h. a 21:00 h. os sábados e domingos.