Román Rodríguez subliña que a inclusión educativa é unha “prioridade” da Xunta e unha “oportunidade” para acadar unha sociedade máis respectuosa e democrática”

O titular de Educación pon en valor a fortaleza do sistema educativo galego, onde se prima a igualdade, a calidade na atención emocional e o fomento do bo clima na aula

O foro conta coa presenza de Nathalie Berger, directora de Apoio ás reformas dos Estados membros da Comisión Europea, encargada do relatorio inaugural

No decurso do congreso entregáronse os Premios de Boas Prácticas de Inclusión a oito colexios e institutos

Mar, 28/11/2023 - 14:02
i

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salienta o compromiso da Xunta de Galicia co reto da inclusión educativa como “unha das nosas prioridades” así como “unha oportunidade para acadar unha sociedade máis respectuosa e máis democrática”. 

Así o expuxo esta mañá con motivo da inauguración do Congreso Internacional de Inclusión Educativa organizado polo seu departamento, que congrega un milleiro de persoas entre docentes e expertos para afondar en accións específicas neste eido. Román Rodríguez deu a benvida e agradeceu a presenza neste foro de Nathalie Berger, directora de Apoio ás reformas dos Estados membros da Comisión Europea, encargada do relatorio inaugural. O congreso tamén serviu de marco para a entrega dos Premios de Inclusión Educativa, uns galardóns anuais nos que se recoñecen as boas prácticas neste eido tanto para colexios como para institutos.

Na súa intervención, o conselleiro apuntou á innovación e á inclusión como “requisitos para asegurar que a educación avanza paralela ao ritmo social” ao tempo que garante que todos os nenos e nenas “teñan os mesmos dereitos e oportunidades de aprendizaxe, independentemente da súa situación”. Para iso, matizou que resulta “imprescindible identificar as barreiras que dificultan o proceso de aprendizaxe e aplicar as medidas necesarias para minimizalas”.

Neste senso, puxo en valor a fortaleza do sistema educativo galego, cun modelo onde prima a igualdade de oportunidades, a calidade na atención emocional e o fomento do bo clima nas aulas.

Precisamente para seguir avanzando nesta senda, a Estratexia Galega de Convivencia Escolar recolle como unha das súas prioridades o fomento dun maior coñecemento do coidado emocional do alumnado e de contornas educativas saudables tanto para alumnos como para docentes. Ao respecto, Román Rodríguez fixo especial fincapé nos programas que se están a desenvolver e, especialmente na formación do profesorado, de xeito que dispoñan de todas as ferramentas necesarias para afrontar cada situación.

O titular de Educación do Goberno galego referiuse á recen aprobación do Plan integral contra o acoso escolar e o ciberacoso, cunha perspectiva multidisciplinar coa implicación de seis departamentos autonómicos así como das familias, ou a Guía de Benestar Emocional.  

Premios Boas Prácticas inclusivas

O conselleiro aproveitou para felicitar aos oito colexios e institutos que resultaron galardoados na edición deste ano dos Premios de Boas Prácticas Inclusivas, a cuxo alumnado e profesorado agradeceu o traballo e esforzo manifestado e que sirve “de inspiración para continuar avanzando no noso sistema educativo”.

Na categoría A o primeiro premio recaeu no Colexio CEIP Vicente Risco de Vigo, cuxos estudantes ofreceron un recital coa Orquestra Son das Flores. O segundo premio foi para o Colexio CEIP Camiño Inglés de Oroso, o terceiro para o Agro do Muíño de Ames e a mención de honra para o colexio de Piñeiros de Narón.  

Na categoría B, destinada a ESO, Bacharelato, FP e Formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial, o primeiro premio foi para o Instituto IES Xograr Afonso Gómez de Sarria, o segundo para o Sanxillao de Lugo, o terceiro para o Instituto de Cacheiras de Teo e a mención de honra para o Instituto de Chapela, en Redondela.