Anxo Lorenzo asegura que a edición ilustrada de Follas Novas “nos achega a obra de Rosalía de Castro cunha ollada nova e contemporánea”

O secretario xeral de Cultura participou hoxe na presentación do poemario ilustrado por Álvaro de la Vega e promovido por El Patito Editorial

A Consellería de Cultura e Educación distribuirá a través da Rede de Bibliotecas de Galicia este libro, “para difundir unha obra mestra das nosas letras entre as xeracións de hoxe”

Ven, 24/02/2012 - 20:33
Portada da edición ilustrada de Follas Novas
Portada da edición ilustrada de Follas Novas

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde na presentación da edición do poemario Follas Novas ilustrado por Álvaro de la Vega, que constitúe o terceiro volume da colección Poesía Completa Ilustrada que promove El Patito Editorial. No acto, que se enmarca nas homenaxes realizadas á escritora no día do 175º aniversario do seu nacemento, o secretario xeral destacou o interese de “presentarmos unha obra de referencia da literatura galega desde unha óptica nova e contemporánea, nunha edición coidada e enriquecida cunha ollada pictórica innovadora”.

Segundo afirmou Anxo Lorenzo, “cando contamos con autores que máis dun século despois de escritas as súas obras seguen sendo un referente para os lectores, obxecto de revisión polos creadores e ademais produto de interese para as empresas do sector é porque hai algo moi transcendente detrás: hai calidade, hai sensibilidade, hai mensaxe universal”. Así mesmo, “considerou a presentación do volume como un acto de reivindicación da capacidade creativa que temos e da nosa identificación colectiva cos nosos creadores máis auténticos e universais”.

Difusión da obra a través das bibliotecas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria difundirá a través da Rede de Bibliotecas de Galicia este libro, “que é un traballo coidado profesionalmente e artisticamente, e que constitúe unha contribución fundamental para continuar a difusión dunha obra mestra das nosas letras ás xeracións de hoxe”, concluíu.

O acto de presentación tivo lugar esta tarde en Santiago de Compostela, no Espazo de Arte de El Correo Gallego, no que tamén participaron o alcalde de Santiago de Compostela, Xerardo Conde Roa; a editora de El Patito Editorial, Gemma Sesar; e o ilustrador Álvaro de la Vega.

A Consellería de Cultura e Educación tamén participou na homenaxe que a Fundación Rosalía de Castro realizou no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela para conmemorar o nacemento da escritora.

Menús News node R

Tema