O conselleiro de Cultura e Educación asiste ao acto conmemorativo do 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro

Xesús Vázquez Abad participou na homenaxe celebrada no Hostal dos Reis Católicos

Ven, 24/02/2012 - 19:30
Xesús Vázquez no acto central da celebración do 175 aniversario do nacemento de
Xesús Vázquez no acto central da celebración do 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe, xunto co secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ao acto central da celebración do 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, unha conmemoración celebrada na Capela do Hostal Dos Reis Católicos (Santiago de Compostela), onde foi bautizada a escritora. Desta forma a Consellería apoia esta homenaxe á ilustre autora padronesa que tanto ten aportado ás letras e á cultura galega, neste 24 de febreiro, declarado oficialmente como Día de Rosalía de Castro.

Deste xeito a Consellería de Cultura e Educación amosa o seu apoio ás actividades de homenaxe de Rosalía de Castro neste aniversario. Cómpre lembrar que a Consellería colabora coa Fundación Rosalía de Castro para fomentar o uso do galego a través da literatura, a través dun acordo que se ratificou o pasado mes de xullo, cando se cumpriron 126 anos do pasamento da escritora. Neste sentido a Consellería conta coa colaboración da Fundación para impulsar a difusión e a promoción social do galego a través da literatura e, en concreto, da obra e da figura de Rosalía de Castro.

Neste marco de colaboración desenvólvense diferentes iniciativas de promoción da lingua, e para divulgar a figura dunha das figuras clave do Rexurdimento, entre as que se inclúen a realización de tertulias e recitais poéticos; así como a organización de dous destacados galardóns, como son os premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra, e mais o VII Premio Rosalía de Castro para Experiencias Pedagóxicas.

Cómpre salientar que unha das apostas da Secretaría Xeral de Política Lingüística para favorecer a promoción social da lingua galega é precisamente avanzar na investigación e na difusión da obra de escritores referentes das letras galegas, labor que se desenvolve desde esta Fundación a través do Centro de Estudos Rosalianos, creado en 1997.

O acto foi organizado pola Fundación Rosalía de Castro, co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, e os Concellos de Santiago de Compostela e Padrón. No transcurso deste acto de homenaxe léronse poemas da autora, nalgún caso acompañados de interpretacións musicais. O acto completouse coa actuación musical do grupo de canto Aleceia.