O Decreto de Atención á Diversidade aposta pola participación da comunidade educativa para a construción dunha escola inclusiva que promova as potencialidades de cada estudante

A Consellería de Cultura e Educación presentou hoxe no Parlamento as liñas forza desta norma, que reforza as actuacións desenvolvidas para lograr unha inclusión real
En Galicia 9 de cada 10 alumnos con necesidades educativas especiais están escolarizados en centros ordinarios
Cada centro elaborará un Plan Xeral de Atención á Diversidade propio, tendo en conta as súas fortalezas e debilidades
Deste xeito ponse en valor o traballo dos profesionais da docencia que contribúen ao desenvolvemento dos estudantes
Mér, 22/02/2012 - 18:42

O decreto 229/2011 polo que se regula a atención á diversidade do alumnado galego representa unha aposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola participación do conxunto da comunidade educativa e pola colaboración entre as distintas administracións para promover o desenvolvemento das potencialidades de cada estudante, no marco da construción dunha escola inclusiva.

Así o explicou o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira Lema, nunha comparecencia na comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia na que expuxo as liñas forza desta norma, que vén a reforzar as actuacións que se viñan xa desenvolvendo neste eido.

Neste sentido o director xeral explicou que en Galicia “podemos falar dunha inclusión real”, xa que “9 de cada 10 alumnos con necesidades educativas especiais están escolarizados en centros ordinarios”, mentres que só un 0,2% asiste a centros de educación especial, neste último caso “porque así o determinaron os profesionais e así o solicitaron as súas familias”.

Así, destacou o labor fundamental desenvolvido pola rede galega de departamentos de orientación, e polos 3.169 profesionais especializados na orientación e na atención á diversidade que atenden ás alumnas e alumnos con necesidades educativas especiais nas aulas galegas – profesores de pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe, e intérpretes de lingua de signos, entre outros- .

Autonomía dos centros

Entre as novidades do Decreto de Atención á Diversidade, o director xeral salientou o Plan Xeral de Atención á Diversidade como eixo vertebrador das actuacións de atención á diversidade do alumnado galego, un documento elaborado por cada centro educativo, a través dos departamentos de orientación, no que se concretarán todas as medidas que o centro educativo vai desenvolver para dar as respostas educativas necesarias a todas as alumnas e alumnos. Un Plan co que a Consellería aposta pola autonomía dos centros, porque “as auténticas melloras, a real atención á diversidade, sitúanse na actuación de cada un deles”.

Neste sentido, destacou a necesidade de que o conxunto da comunidade educativa “analice cal é a súa situación, as súas debilidades e fortalezas, que reflexionen e tomen decisións”, que se plasmarán no devandito plan. Ademais, explicou que os equipos directivos de cada centro velarán polo cumprimento do mesmo, no marco da cultura da avaliación que a Consellería de Cultura e Educación está a imprimir en todas as súas actuacións no eido do ensino.

Planificación

O director xeral salientou o importante valor de sistematización e planificación que contén o decreto, que procura a promoción do alumnado no sistema educativo e o éxito escolar, a través do impulso de medidas proactivas de detección e prevención das necesidades específicas de apoio educativo. Ademais, explicou que o decreto adopta unha posición moi precisa respecto da promoción da permanencia do alumnado no sistema educativo, “pois temos claro que a loita contra o absentismo escolar e contra o abandono escolar temperán representan aspectos clave”.

Doutra banda, a norma procura respostas ás realidades sociais do momento e á súa incidencia na educación. Desta forma contempla situacións como a educación hospitalaria, a escolarización das mozas embarazadas e, de ser o caso, as súas parellas, ou o alumnado que está afectado por violencia de xénero, acoso escolar ou pertencente a familias itinerantes. “Unha sociedade solidaria, incluínte e democrática non pode deixar de adaptarse a esas realidades, e moito menos pode facelo un sistema educativo”.

Implicación social e profesional

O director xeral quixo gabar o traballo desenvolvido polos profesionais da orientación e da docencia nos centros educativos galegos, “que son sempre a peza clave do feito educativo”. De acordo con isto, a Consellería aposta pola formación do profesorado na atención á diversidade – que vén desenvolvendo desde 2009- , contemplada como un plan específico dentro do plan anual de formación do profesorado. Ademais, tal e como explicou o director xeral, o decreto contempla a convivencia, as metodoloxías innovadoras, as prácticas inclusivas e a orientación académica e profesional como ámbitos prioritarios de investigación e innovación.

“O novo decreto – engadiu- busca xerar ilusión e implicar ao conxunto da comunidade educativa e a toda a sociedade na tarefa de acadar unha educación inclusiva”. Neste sentido sinalou o valor do Plan Xeral de Atención á Diversidade de cada centro, no que se concretarán as canles de colaboración das nais e pais e a implicación e participación das familias na educación dos máis novos. “O mesmo plan deberá establecer as canles de colaboración con outros servizos externos”, dixo, lembrando que a Consellería está a promover a colaboración con entidades e asociacións sen ánimo de lucro, tales como o convenio asinado coa ONCE ou acordo con Down Galicia. Ademais, o director xeral explicou que a Consellería ten dialogado coas asociacións vinculadas co alumnado con necesidades específicas de apoio educativo á hora de elaborar este decreto, co fin de darlle resposta no mesmo ás súas demandas.

“Cremos que é fundamental xerar motivación para acadar unha verdadeira escola inclusiva, pero temo que conseguilo desde a cooperación entre todos”, resumiu.