O conselleiro de Cultura e Educación gaba o esforzo do alumnado galardoado cos premios extraordinarios de bacharelato e formación profesional

Xesús Vázquez Abad presidiu hoxe a entrega de premios a 38 estudantes

Neste acto recoñeceuse tamén o traballo dos gañadores da fase autonómica do XII Concurso Hispanoamericano de Ortografía

Mér, 22/02/2012 - 12:45
O conselleiro de Educación na entrega dos Premios Extraordinarios
O conselleiro de Educación na entrega dos Premios Extraordinarios

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, gabou hoxe o esforzo dos 38 estudantes galardoados cos premios extraordinarios de Bacharelato correspondentes ao curso 2010/2011, e cos premios extraordinarios de Formación Profesional específica de grao superior correspondentes ao curso 2009/2010. Neste acto, celebrado en Santiago de Compostela, no que ademais se recoñeceu o traballo do gañador e segundo clasificado da fase autonómica do XII Concurso Hispanoamericano de Ortografía, José Manuel Busto Leis (IES Aquis Celenis, de Caldas de Reis), e Ana María Díaz Pérez (IES Rodeira, de Cangas), respectivamente.

O conselleiro destacou a aposta da Consellería “por unha educación que proporcione ás alumnas e alumnos cualificación técnica, pero que tamén os prepare nos eidos humano e intelectual para a incorporación ao mundo laboral e a unha sociedade cada vez máis complexa”. Neste sentido agradeceu o traballo “dos centros dos que vides os galardoados”, así como “o labor de impulso e orientación dos profesionais que alí traballan, que axudou a estas corenta rapazas e rapaces a estar hoxe aquí”. “Agradezo- dixo- ese esforzo dos docentes que, amosando unha grande paixón polo seu traballo, colaboraron para que todas estas alumnas e alumnos sexan merecedores deste recoñecemento”.

Vázquez Abad felicitou aos galardoados polo seu esforzo, e ás familias dos premiados, “por ter inculcado nesta mocidade que hoxe está aquí o valor do esforzo. Por terlles ensinado que só co traballo duro se chega a obter resultados. Por ser quen de facerlles ver que á excelencia non se chega polo camiño fácil”.

Premios de Bacharelato

No caso dos 20 estudantes galardoados cos premios extraordinarios de Bacharelato, reciben un diploma acreditativo, e unha gratificación económica ao seu traballo, e están exentos do pagamento dos prezos públicos polos servizos académicos no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público. Esta distinción figurará ademais no seu expediente académico.

Entre os premiados hai 4 estudantes da provincia da Coruña, 2 de Lugo, 2 de Ourense e 12 de Pontevedra. Na provincia da Coruña resultaron galardoados David Lamas Francis, do IES de Ames; Carmen Antía Rodríguez Fernández, do colexio Manuel Peleteiro (Santiago de Compostela); Ana Vázquez Fernández, do IES A Pontepedriña (Santiago de Compostela) e Alejandro Antonio Roura Blanco, do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña). Da provincia de Lugo foron premiados Alejandro Vilar López e Borja Traseira Santín, ambos os dous alumnos do IES Lucus Augusti.

Dos alumnos presentados pola provincia de Pontevedra acadaron o premio Nerea Gándara Guerra e Sandra Correa González, ambas do IES Santa Irene (Vigo); Marta Rodríguez Castro e Cristian Carbajales Neira, do IES Manuel García Barros (A Estrada); María González Flores, do IES A Sangriña (A Guarda); Carmen Zalvide Rodríguez, do IES Álvaro Cunqueiro (Vigo); Ángel García Gómez, do IES Gonzalo Torrente Ballester (Pontevedra); Santiago Cernadas Amoedo, do IES Val do Tea (Ponteareas); María Isabel Gómez Alonso, do IES do Castro (Vigo); Cándido Otero Moreira, do IES Illa de Tambo (Marín); María Tovar Amado, do colexio SEK-Atlántico (Poio) e Hadrián Montes Campos, do IES Sánchez Cantón (Pontevedra). Alba Cid Blanco e Sabela Varela Fernández, ambas as dúas estudantes do IES As Lagoas, foron as galardoadas pola provincia de Ourense

Premios de FP

Doutra banda, foron 18 os estudantes recoñecidos cos premios extraordinarios de Formación Profesional, 9 deles da provincia da Coruña, 2 da de Lugo, 3 da de Ourense e 4 da de Pontevedra. Todos eles recibiron un diploma acreditativo e unha gratificación económica ao seu traballo. Esta distinción figurará ademais no seu expediente académico.

Pola provincia da Coruña resultaron premiados Susana Constela Villoslada, do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude (Boqueixón); Héctor Antón Fernández, do IES Agra do Orzán (A Coruña); Vanesa Varela Espiñeira, do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol); Daniel Paz Queiruga, do CIFP Someso (A Coruña); José Luis Corbal Ramos, do IES San Clemente (Santiago de Compostela); Vanesa Casás Abruñedo, do CIFP Ánxel Casal (A Coruña); Pablo Agustín Lago Lestón, Bibiana Cives Sánchez e Alberto Sánchez Cerdeira, ambos ost res do CIFP Politécnico (Santiago de Compostela).

Na provincia de Lugo resultaron premiados Álvaro Pérez Dios, do Colexio TIC; e Cristina Pena García, do IES Leiras Pulpeiros, ambos da cidade de Lugo; mentres que en Ourense foron galardoados Lucía Varela Fernández, do IES 12 de outubro; María Cacharrón Cortón, do Colexio Caixanova; e Antonio Nespereira Lage, do CIFP A Farixa, os tres centros educativos da cidade das Burgas.

Os alumnos de FP premiados da provincia de Ourense foron Carmen María Vasconcellos González, do CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo); César Álvarez García, do IES Politécnico (Vigo); Mª del Mar González García, do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Illa de Arousa); e Iria Domínguez Fernández, do IES de Chapela (Redondela).