A Cidade da Cultura invita a participar en diferentes obradoiros de cabezudos todos os sábados de marzo

Afeccionados ao teatro, grupos folclóricos ou animadores socioculturais crearán cabezudos inspirándose en artistas da Bauhaus, do dadaísmo ou o surrealismo

Os obradoiros terán lugar os sábados 3, 10, 17 e 24 de marzo en dúas quendas: 11:30 e 17:30 horas, con vinte prazas para cada unha

Mar, 14/02/2012 - 14:53

A Cidade da Cultura, dependente da Consellería de Cultura e Ordenación Universitaria, pon en marcha todos os sábados de marzo o Obradoiro de cabezudos, catro sesións nas que confeccionar estes populares personaxes pero cun deseño máis conceptual, tomando como referencia as experiencias levadas a cabo por artistas das vangardas históricas como a Bauhaus, o movemento dadaísta ou o surrealismo.

Ao longo de catro sábados (3, 10, 17 e 24 de marzo) e coordinados por mestres da compañía de teatro Viravolta, os participantes nesta actividade poderán construír e decorar os seus propios bonecos que, durante a última sesión, encherán de vida a Cidade da Cultura nun divertido pasarrúas integrado por todos os participantes.

Pensado para un público adolescente e adulto e relacionado coas artes escénicas e plásticas (afeccionados ao teatro, comparsas de entroido, grupos folclóricos, mestres, animadores socioculturais…), o obradoiro arrancará coa construción da base do cabezudo con caixas e cartóns, que nunha segunda fase se reforzará con papel e cola. Lista a estrutura será o momento de decorar os rasgos da cara a través de pinturas, papeis de cores e fotocopias de tipografías variadas. O resultado: uns cabezudos “planistas” –co deseño só no frontal colocado no soporte da cabeza mediante unha chapa de cartón decorada-, que parten dun novo deseño formal máis conceptual e cuxa decoración estará a cargo do artista plástico Misha Bies Golas.

Os obradoiros terán lugar en dúas quendas 11:30 e 17:30 horas, cun máximo de vinte prazas para cada unha. As entradas xa poden adquirirse a partir de hoxe en www.servinova.com a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión.

Menús News node R

Tema