Xesús Vázquez Abad anuncia a integración en Agadic das funcións do Consorcio Audiovisual galego para que o sector dispoña dunha “xanela unica”

A Consellería de Cultura e Educación xa está programando o vindeiro curso escolar no que se continuará co Proxecto Abalar que chegará a 9.000 estudantes máis que este ano

Apóstase pola investigación e a excelencia universitaria aprobando en vindeiras datas o Plan Sectorial da Cidade do Mar nos terreos da ETEA

A lei de bibliotecas garantirá un traballo máis eficaz e coordinado da rede de bibliotecas

A Cidade da Cultura converterase nun referente para que as nosas industrias culturais e creativas acaden a súa proxección internacional

Mar, 14/02/2012 - 14:31

Vídeo coas declaracións do conselleiro Xesús Vázquez Abad

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, hoxe no Parlamen
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, hoxe no Parlamento galego

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación universitaria, Xesús Vázquez Abad, explicou hoxe no Parlamento de Galicia as liñas prioritarias do proxecto que a Consellería ten desde o pasado mes de xaneiro, no que uniu nun so departamento as competencias de dúas consellerías. Neste sentido volveu lembrar que “non hai cultura sen educación” e viceversa; e recordou que ambas responsabilidades adoitan estar unidas no propio Parlamento de Galicia, no goberno central  e, mesmo en institución da Unión Europea.

O Consorcio na AGADIC

Na súa primeira intervención como conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o conselleiro anunciou que “imos iniciar os trámites para a creación dunha xanela única para o sector audiovisual galego, atendendo ás históricas demandas das empresas e aos acordos nesta Cámara. Nese sentido, procederemos á supresión do Consorcio do Audiovisual para integrar as súas funcións na Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)”. Tras destacar que “a partir de agora o incentivo e a internacionalización do sector teñen unha única dirección e un único interlocutor”, o responsable de Cultura e Educación dixo que se trataba de unha decisión da administración autonómica encamiñada a facer una xestión eficiente dos recursos existentes aplicando “máis rigurosidade e control do gasto que nunca”.

O conselleiro recordou que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ten por diante o reto de continuar favorecendo, como xa vén facendo desde o comezo da lexislatura, a cooperación entre empresas do ámbito cultural; impulsando a proxección internacional; promovendo unha programación diversificada; e creando novas liñas de diálogo entre empresas e distintos sectores produtivos. “Nesta lexislatura afrontouse a necesidade de repoñer o proxecto cultural trazando un itinerario realista e progresivo para a posta efectiva da cultura ao servizo da cultura e a cidadanía galegas”, subliñou.

No relativo ao apartado de Cultura, Vázquez Abad destacou tamén que a política cultural xa percorreu un importante camiño como no 2010 co ano do libro e da lectura, ou no 2011 co da Música que implicaron o desenvolvemento de máis de mil actividades de promoción da lectura e outras tantas relativas á música a través de diversos actos e festivais.

Asemade fixo referencia ao anteproxecto de lei de bibliotecas, en tramitación parlamentaria, e que en vindeiras datas derivará nunha norma que garantirá un traballo máis eficaz, planificado e coordinado da rede de bibliotecas de Galicia, tanto para a xestión de fondos como para garantir un mellor servizo social. Do mesmo xeito desenvolverase a Lei estatal do depósito legal, de 2011, cun proxecto de decreto galego para regular o depósito legal que garanta uns cambios acordes á realidade actual. Do mesmo xeito Vázquez Abad recordou que “tamén se afrontarán actuacións para achegar os fondos bibliográficos a toda Galicia, ao tempo que se impulsará a Biblioteca Dixital”.

Futuro da Cidade da Cultura

No relativo á Cidade da Cultura, na que se teñen involucrado os últimos tres gobernos galegos, o conselleiro recordou que “nesta lexislatura quedaron inaugurados o Arquivo e a Biblioteca de Galicia, institucións capitais para a protección e posta en valor do patrimonio galego. Ao mesmo tempo –engadiu- as instalacións do Gaiás acolleron una ampla actividade cultural, que no 2011 recibiu 332.000 visitantes e realizou 238 actividades”. Tal e como explicou, a todo isto compre agregar a próxima apertura do Museo de Galicia coa mostra Gallaecia Petrea na que se amosarán máis de 200 pezas do patrimonio histórico da cultura galega.

O conselleiro de Cultura e Educación fixo fincapé en que “a liña estratéxica para a Cidade da Cultura ten que se centrar desde agora no seu potencial como referente para as industrias culturais e creativas e para a súa proxección internacional. Para afrontar –proseguiu- esta nova etapa do complexo do Gaiás, apostamos por unha liña de actividade para 2012 baseada na planificación e na implicación de axentes decisivos na estratexia cultural de Galicia e do ámbito internacional para proxectarse como referente da creatividade en Galicia. Para isto apoiarémonos no Plan Estratéxico para a Cidade da Cultura, tamén coñecido como Plan Gaiás”.

Conservación do patrimonio

Por outra banda, asegurou que “para garantir unha base sólida para o futuro da cultura galega, unha das liñas de traballo fundamentais e permanentes no tempo debe ser a implicación na conservación, posta en valor e dinamización do patrimonio cultural, a través do mantemento da Rede galega de patrimonio arqueolóxico, como un instrumento prioritario para a conservación e a posta en valor do noso patrimonio arqueolóxico”. Neste sentido explicou que serán executados o Plan de Catedrais; de Conservación de Abadías, Mosteiros e Conventos e de intervencións de Restauración do Patrimonio Eclesiástico. Ao mesmo tempo avanzarase no Plan de Restauración de Castelos e Fortalezas, no de infraestruturas culturais e no de museos. Asemade será adaptado o marco normativo do patrimonio cultural, tras máis de 15 anos de vixencia da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia (lei 8/1995), para adaptalo ás necesidades actuais.

Vázquez Abad afirmou que “apaulatina incoación dos expedientes de delimitación dos Camiños de Santiago constitúe un verdadeiro fito, que permitirá dar unha resposta pioneira ás súas necesidades de protección integral. E, tras a aprobación polo Consello da Xunta en novembro de 2011 da delimitación oficial do trazado do Camiño Francés, por primeira vez na historia da nosa Comunidade, en 2012 avanzarase na tramitación dos expedientes de delimitación dos Camiños Portugués e Inglés”.

Constante mellora educativa

Respecto da educación o conselleiro anunciou que se seguirá a traballar mellorando nos proxectos xa comezados na comunidade autónoma ao longo da presente lexislatura. Así, no relativo ao Proxecto Abalar, Vázquez Abad anunciou que se continuará a desenvolver o traballo realizado nestes anos e que xa se está a traballar na planificación do vindeiro curso escolar e que “as previsións apuntan á instalación de novas aulas dixitais que permitan que polo menos 9.000 novos alumnos poidan usar un ultraportátil grazas a este programa”.

Do mesmo xeito continuarase a traballar no Plan Galego de Potenciación de Linguas Estranxeiras coa creación de centros plurilingües co fin de mellorar das competencias lingüísticas do profesorado e do alumnado.

Ademais aConsellería está a incentivar novas incorporacións de centros de toda Galicia ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), no que actualmente participan 449 centros. “Estamos a consolidar unha iniciativa que supón revisar o estado da biblioteca e incentivar que se converta nun verdadeiro espazo de dinamización cultural e educativa”, dixo. O conselleiro lembrou ademais que “neste punto, quero lembrar a importancia do Decreto de Atención á Diversidade aprobado xa e que conta co apoio de múltiples organizacións. A través do seu desenvolvemento, converterá á nosa Comunidade nunha das que experimente máis avances cara a acadar unha “escola verdadeiramente inclusiva”, explicou.

Consolidación de proxectos

Asemade, Vázquez Abad expresou a súa intención de consolidar proxectos que redunden na mellora educativa. Neste apartado, aproveitou para pór de manifesto a importancia de que 144 centros educativos subscribisen por primeira vez neste curso contratos-programa para executar proxectos que desenvolvan as capacidades do alumnado e busquen a súa excelencia”, dixo.

Por outra banda, e no relativo á Formación Profesional, continuarase a desenvolver medidas para a súa potenciación que, segundo precisou o conselleiro, “están a ser ben recibidas pola sociedade galega, a raíz do incremento de matriculados para cursar este tipo de ensinanzas”. Así os matriculados en ciclos formativos ordinarios, de adultos e programas de cualificación profesional inicial superan os 42.000 matriculados, o que supón un incremento do 23 por cento, no que vai de lexislatura. “Ademais no presente curso creáronse novos centros integrados e ciclos formativos que responden á demanda das galegas e galegos”, sinalou.

Plan sectorial da Cidade do Mar

No relativo ao sistema universitario o titular de Cultura e Educación da Xunta de Galicia anunciou que proximamente o Consello da Xunta aprobará definitivamente o Plan sectorial da Cidade do Mar nos terreos da antiga ETEA en Vigo, onde tanto o Goberno galego como a Universidade e o CSIC “teñen feito unha aposta verdadeiramente senlleira pola investigación e pola excelencia”, ao que engadiu que “outras das accións que estamos a executar é, de acordo coas universidades, a de afrontar unha racionalización da oferta de titulacións de grado, postgrao e master”.

Ao mesmo tempo recordou que a actual Consellería “exerceu o respecto pola autonomía das universidades e propiciou un novo escenario de  diálogo, negociación e colaboración coas tres universidades. “E froito disto foi posible aprobar un novo modelo de financiamento universitario ata 2015, recollido nun plan no que participan varios departamentos da Xunta e as tres universidades”, explicou.

Recordando cada un dos puntos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o conselleiro destacou que, no relativo á Política Lingüística, o representante deste departamento- Valentín García- continuará co traballo do seu predecesor, desenvolvendo políticas específicas de apoio á lingua propia de Galicia, dentro do marco de cooficialidade marcado pola Constitución, o Estatuto e Lei de Normalización Lingüística.

Traballo coa lingua galega

Vázquez Abad reafirmou que “o Goberno galego considera que a maioría das galegas e dos galegos valoran e comparten o marco de convivencia lingüística recuperado, a partir do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, polo que o mantemento e bo funcionamento do mesmo segue a ser un compromiso, pero as prioridades céntranse agora noutras iniciativas. Anosa intención é afondar no desenvolvemento da Rede de Dinamización Lingüística de Galicia, o primeiro proxecto de coordinación, cooperación e colaboración entre as administracións local e autonómica, en materia de dinamización da lingua galega, no que xa participan preto dun cento de concellos e entidades e o noso obxectivo é sumar cada vez novos membros –temos 14 novas solicitudes”, engadiu.

O conselleiro destacou que “como poden concluír das miñas palabras sobre a análise do feito e as liñas de actuación futuras para o ensino, o sistema universitario de Galicia e a lingua, houbo e hai traballo e houbo e hai actuacións, todo isto unido a unha necesaria e obrigada xestión eficiente dos recursos existentes” ao que engadiu que “nesta lexislatura afrontouse a necesidade de repoñer un proxecto cultural pensado para que a cultura galega asuma o lugar que lle corresponde, trazándolle un itinerario realista e progresivo que permitise, ao fin, a súa posta efectiva ao servizo da cultura e cidadanía galegas”.

Menús News node R

Tema