Román Rodríguez sitúa a colaboración entre Xunta, centros educativos e empresas como o factor clave para unha FP galega innovadora e cualificada

O conselleiro de Educación clausura o IX Congreso FP Empresa, que congrega en Santiago máis de 600 centros destas ensinanzas de toda España

Lembra que, a través da Estratexia FP Galicia 2030, o Goberno autonómico ten en marcha unha serie de medidas específicas centradas na dixitalización, o emprendemento, a mellora da oferta no rural e o impulso da empregabilidade

Ven, 05/05/2023 - 13:25
f

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, fai fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta de Galicia, as empresas e os centros educativos como “un factor fundamental” para consolidación dun modelo galego de Formación Profesional “no que o seu selo de identidade sexa a innovación e a alta cualificación”.

Así o salientou esta mañá con motivo do acto de clausura do IX Congreso FP Empresa organizado pola Asociación de Centros de Formación Profesional, coa participación de arredor de 600 centros educativos de toda España que imparten estas ensinanzas, ademais de representantes das administracións e das empresas.

Precisamente neste encontro que xira sobre o papel do tecido produtivo, Román Rodríguez sinalou que “todas as partes son imprescindibles” para avanzar nestas ensinanzas que hoxe en día “son a primeira opción educativa para moitos mozos, xa que este curso superamos por primeira vez a barreira dos 60.000 alumnos matriculados, un 75 % máis ca en 2009”. Un sinónimo de éxito avalado polos indicadores de “prestixio, confianza e utilidade”, abondou o conselleiro, que destacou o crecente apoio que se está a recibir por parte das empresas neste eido. 

Modelo de referencia

Para seguir afianzando ese modelo que agora mesmo está servindo de referencia para outras comunidades autónomas e ao Goberno do Estado, a Xunta de Galicia ten en marcha a Estratexia FP Galicia 2030, a folla de ruta dos vindeiros anos con accións específicas que contemplan un investimento inicial de 900 M€.

Segundo Román Rodríguez, o actual contexto de transformación tecnolóxica esixe dunha formación competencial adaptada ás novas demandas profesionais e dunha resposta áxil “ante un mercado cada vez máis globalizado, esixente e competitivo”.

Precisamente a este reto responde o Plan Conecta FP Galicia, que reforza a liña de colaboración coas empresas co fin de definir novos títulos e ciclos adaptados ás demandas empresariais, deseñar unha oferta de prazas conectada ao contexto socio-económico do territorio onde se inxire e conectar o alumnado co mercado laboral.