Os Premios de Excelencia Académica do Sistema Universitario de Galicia homenaxearán á mestra ferrolá Ángela Ruiz Robles

O Consello da Xunta aproba o cambio de denominación destes galardóns, que recoñecen aos alumnos con mellores resultados

Esta pioneira do ensino inventou a enciclopedia mecánica, o antecedente do libro electrónico, no marco da súa vocación innovadora

Destacou polo seu labor en prol da educación para as persoas máis desfavorecidas

Xov, 04/05/2023 - 19:28
a

O Consello da Xunta aprobou hoxe o cambio de denominación dos Premios de Excelencia Académica ao alumnado de grao das universidades do Sistema Universitario de Galicia, co fin de que estes galardóns rendan homenaxe á mestra ferrolá Ángela Ruiz Robles.

Con esta medida identifícanse os galardóns ao alumnado máis destacado en cada curso académico coa figura de Ángela Ruiz Robles e diferénciase esta distinción doutras similares existentes a nivel de cada unha das universidades. Así mesmo, búscase poñer en valor as achegas desta mestra no eido da educación, que destacou polo seu perfil emprendedor e innovador. Non en balde, Ángela Ruiz Robles foi un exemplo de valores como o esforzo, o tesón, a excelencia, a continua aprendizaxe, a vocación de servizo á sociedade, idóneos para vencellalos a esta convocatoria de galardóns.

Nacida no ano 1895 en Villamanín (León), Ángela Ruiz Robles trasladouse en 1918 a Ferrol logo de gañar por oposición unha praza de mestra nacional, onde se estableceu para o resto da súa vida. Foi docente e directora de varias escolas, como a de nenas no Hospicio de Ferrol ou o Instituto Ibáñez Martín. Así mesmo, fundou a Academia Elmaca na que desenvolveu un labor pedagóxico e social que lle valeu a concesión en 1947 da Cruz de Alfonso X o Sabio, por accións como impartir clases nocturnas gratuítas ás persoas con poucos recursos.

Foi unha pioneira no eido do ensino e, en especial, na invención dunha enciclopedia mecánica, cuxa patente rexistrou en 1949, e que está considerada o antecedente do libro electrónico. O primeiro prototipo, construído en 1962, deu como resultado un artefacto que permitía, entre outras funcións, formar palabras, oracións e textos a partir da interacción de teclas e dispositivos distribuídos nunha especie de caixa. Ademais de leccións de gramática, cálculo, inglés e francés, era posible a lectura en horizontal e vertical e a inclusión de máis temas.

Ademais deste carácter innovador, na súa traxectoria docente, Ángela Ruiz Robles caracterizouse por unha vocación de servicio desinteresado e comprometida cos seus alumnos e a súa comunidade. Deu moita importancia ao ensino de idiomas, a aprendizaxe intuitivo, o uso de ilustracións e outros recursos docentes novidosos para o seu tempo. Ademais do seu labor como docente e como inventora, escribiu 16 libros dedicados á educación e a pedagoxía centrados no obxectivo de facer o ensino máis áxil e interactivo.

Os galardóns

Os Premios de Excelencia Académica destínanse ao alumnado universitario de grao oficial que obtivese as mellores cualificacións en cada curso académico nas universidades galegas.

Concédese un recoñecemento por cada un dos cursos en que se estruturan os plans de estudos das titulacións oficiais de grao, agás no derradeiro curso (dado que estes optan aos premios Fin de Carreira), e en cada un dos centros en que se impartan. A contía dos premios é de 1.100€, cunha contía adicional de 500€ para os galardoados cunha nota igual ou superior ao nove.

Os aspirantes deben ter unha media, como mínimo, de oito puntos no seu expediente académico e ter superados nese curso un mínimo de 60 créditos, sen contar os recoñecidos, validados ou adaptados.

Os premios outórganse de oficio, a proposta das universidades galegas, encargadas de certificar os datos das persoas coa nota media máis alta en cada un dos cursos dos plans de estudos oficiais de grao de cada centro, limitándose as persoas propostas a manifestar a súa aceptación expresa.