Máis de 600 centros de toda España achéganse ao modelo de FP de Galicia a través do IX Congreso de entros destas ensinanzas

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participa na inauguración deste encontro, no que se comparte con representantes de FP de todo o Estado as claves do sistema en Galicia, que se está a exportar a outras CCAA

Destaca o papel do Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros como multiplicador dos efectos positivos que ten a FP na economía

Xov, 04/05/2023 - 15:23
f

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou esta mañá na inauguración do IX Congreso FP Empresa organizado pola Asociación de Centros de Formación Profesional, que nesta edición xira sobre o papel do tecido nestas ensinanzas e que conta con representantes da FP en todo o Estado, de empresas e coa participación de arredor de 600 centros educativos que imparten estas ensinanzas.

Neste encontro, Galicia comparte o modelo que vén aplicando a estas ensinanzas en prol da mellora das mesmas, da súa empregabilidade e da innovación desde hai máis de 10 anos. Unha aposta que agora que se está a tomar como exemplo de referencia para exportar o modelo a outras Comunidades Autónomas.

A conexión coas empresas

A representante da Xunta de Galicia puxo en valor a contribución do tecido empresarial galego no avance nestas ensinanzas, tanto a nivel de desenvolvemento de proxectos de FP Dual como no propio deseño da oferta, a través da Estratexia FP Galicia 2030. “Neste momento estamos desenvolvendo o Plan Conecta FP para o establecemento de ofertas de formación profesional de impacto e a medida do tecido produtivo galego”, destacou. “Coa participación de empresas, institucións, administracións e centros, busca deseñar e planificar unha oferta de alta especialización, que permita dar unha resposta máis áxil á evolución das empresas e á necesidade de relevo xeracional, ao tempo que se incrementa a cualificación da cidadanía e a empregabilidade dos alumnos”, incidiu.

Así mesmo, explicou que a posta en marcha do Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense, vai exercer “como multiplicador dos efectos positivos que ten a FP na economía, recollendo as demandas de innovación do tecido empresarial, entre outras tarefas”. “A maiores, o Plan Innova FP Galicia afonda na relación entre centros de FP e sectores do tecido produtivo para o fomento da innovación aplicada e a intelixencia artificial e o impulso do emprendemento, entre outros factores”, indicou.

Ademais de Eugenia Pérez, neste bloque de relatorios participaron tamén a secretaria de FP do Ministerio de Educación, Clara Sanz, e o director de Educación e Formación da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), Juan Carlos Tejeda. O programa do congreso complétase ao longo da xornada de hoxe cunha mesa redonda e varios relatorios obre a investigación arredor da FP, así como coa visita a varios centros de referencia nestas ensinanzas nas cidades de Santiago, A Coruña e Ourense. Na xornada de mañá presentaranse exemplos de boas prácticas na relación entre sistema educativo e empresarial no ámbito da FP e entregarase os III Premios FPEmpresa, entre outras actividades.