O Goberno galego convoca o IX Concurso de Traballos por Proxectos realizados na biblioteca escolar

O obxectivo é estimular o deseño e desenvolvemento de iniciativas que mesturan diferentes disciplinas ou de proxectos de investigación nestes espazos

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 14 de xullo

Lun, 01/05/2023 - 13:07
b

A Xunta de Galicia vén de publicar no Portal Educativo a convocatoria do IX Concurso de Traballos por Proxectos realizados nas bibliotecas escolares dos centros públicos. O obxectivo é estimular, mediante o recoñecemento de boas prácticas, o deseño e desenvolvemento de iniciativas de carácter interdisciplinario ou de proxectos de investigación, baixo a coordinación do equipo de biblioteca escolar ou co apoio desta.

A convocatoria contempla catro modalidades de participación. A primeira delas céntrase nos proxectos que combinen diversas materias (ou Proxectos Documentais Integrados) coordinados desde a biblioteca escolar e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula do centro.

A segunda vai dirixida a iniciativas de investigación nas submodalidades de traballos de clase o curso e de traballos de grupos de diferentes cursos ou departamentos; mentres que a terceira está centrada polos proxectos realizados na materia de libre configuración de 2º de ESO Investigación e Tratamento da Información/Proxecto Competencial ou noutras materias equivalentes en ESO ou Primaria.

Finalmente, a cuarta modalidade é para proxectos de investigación realizados entre varios centros promovidos desde as bibliotecas de ata un máximo de tres colexios co fin de desenvolver un proxecto común.

Temáticas dos traballos

Trátase de actividades nas que o alumnado, ademais de investigar sobre un tema ou problema concreto, se familiariza cos mecanismos de busca de información empregando os recursos, neste caso, das bibliotecas.

En canto á temática, os traballos poden versar sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 investigando sobre o coñecemento do universo, mares e océanos, a saúde ou a flora e fauna da contorna. Así mesmo, o estudo do territorio máis próximo como as vilas ou as cidades. As viaxes, e especialmente o Camiño de Santiago ou tradicións culturais como o entroido tamén son motivo de investigación. Ademais, as artes como pintura, literatura ou música son temáticas frecuentes nos proxectos presentados.

Premios de ata 3.000 €

Cada centro poderá presentar un só traballo polas modalidades 1 e 4 e un máximo de dous traballos polas modalidades 2 e 3. Non se poderá presentar o mesmo traballo por máis de unha modalidade. Todos deberán realizarse co apoio e colaboración da biblioteca escolar e contando cos seus recursos e posibilidades. As experiencias seleccionadas serán galardoadas con asignacións extraordinarias de entre 1.500 e 3.000€ para o funcionamento da biblioteca escolar.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 14 de xullo, a través da aplicación habilitada ao efecto no espazo de Bibliotecas Escolares.