Máis de 4.000 alumnos danse cita en InnovArt, a primeira feira de ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas de Galicia

Román Rodríguez salienta a importancia desta cita que permite aos estudantes “coñecer de primeira man o potencial académico e acceder a asesoramento laboral” sobre estas ensinanzas que en Galicia cursan preto de 28.000 persoas

Ao longo de dúas xornadas ofrécense máis de 400 actividades como charlas, obradoiros de danza ou de modelado, representacións teatrais e musicais e propostas interactivas entre outras

No ámbito das ensinanzas artísticas están representados a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, as catro escolas de arte e superiores de deseño, a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e nove conservatorios de música

A feira tamén conta coa participación de catro escolas oficiais de idiomas e tres centros de ensinanzas deportivas da Consellería de Educación

Xov, 13/04/2023 - 18:02
f

Máis de 4.000 alumnos de distintos colexios e institutos de Galicia visitarán entre hoxe e mañá InnovArt, a primeira feira de Ensinanzas Artísticas, de Idiomas e Deportivas de Galicia que acaba de abrir as súas portas na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, unha das accións da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para potenciar e visibilizar estas ensinanzas.  

Precisamente, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, fixo esta mañá un percorrido pola mostra, da que sinalou que é unha oportunidade para que os rapaces coñezan de primeira man “o potencial académico” así como “as saídas profesionais a través de asesoramento laboral” destas ensinanzas que en Galicia cursan actualmente preto de 28.000 persoas.  

InnovArt conta cunha vintena de espazos nos que 550 alumnos de 23 centros e case 200 profesores exhiben o seu día a día a través de máis de 400 actividades como charlas, obradoiros de danza ou de modelado, representacións teatrais, concertos musicais, sets de fotografía, actividades deportivas, talleres de animación ou propostas interactivas, entre outros. Ademais de organizar actividades para os centros xa inscritos, a feira está aberta con entrada gratuíta para o público en xeral no horario de tarde durante os dous días. 

No recinto están representados no ámbito das ensinanzas artísticas a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia en Vigo, as catro escolas de arte e superiores de deseño (a Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense e a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela) a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia de Pontevedra e o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo. 

Ademais, tamén están presentes os sete conservatorios profesionais de música (Conservatorio Profesional de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol, Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e Conservatorio Profesional de Música de Vigo) e os dous conservatorios superiores de música: o Conservatorio Superior de Música da Coruña e o Conservatorio Superior de Música de Vigo.

A feira tamén conta coa participación de catro escolas oficiais de idiomas: EOI da Coruña, EOI de Lugo, EOI de Santiago de Compostela e EOI de Vigo. No campo das ensinanzas deportivas, participarán nesta cita tres centros con ensinanzas deportivas da Consellería de Educación: CIFP Universidade Laboral (Culleredo), CIFP A Farixa (Ourense) e CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa).