A Xunta incrementa nun 12% o orzamento dos premios fin de carreira para recoñecer máis universitarios excelentes

Van dirixidos aos estudantes que remataron os seus estudos no ano 2022

As persoas interesadas dispoñen ata o 27 de abril para presentar a súa solicitude

Está dotado con 3.500 euros por premiado

Dom, 02/04/2023 - 10:02
u

A Xunta de Galicia incrementa un 12% o orzamento dos premios de fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2022 no Sistema universitario de Galicia (SUG). O obxectivo é recoñecer a máis alumnos excelentes da universidade galega.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades destina a esta convocatoria un orzamento de 381.500€. Cada un dos galardoados acadará un premio de ata un máximo de 3500€ e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.

Poderá optar a este premio o alumnado que cursase de forma íntegra os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio no SUG, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura. Os requirimentos e forma de presentación de solicitudes poden consultarse no Diario Oficial de Galicia.

O número de premios virá determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación, tramos que se modifican nesta convocatoria para chegar a máis alumnos. Así, aquelas titulacións con ata 99 persoas egresadas optarán a un premio; entre 100 e 199 persoas optarán a dous premios; as que teñan entre 200 e 299 a tres e as que conten con 300 ou máis persoas optarán a catro premios. As titulacións que teñan entre 400 e 499 persoas egresadas optarán a cinco premios, e as de máis de 500 persoas egresadas poderán optar ata seis premios. O número de persoas egresadas en cada titulación estará verificado pola certificación emitida polos servizos administrativos das universidades do Sistema universitario de Galicia.

As solicitudes poderán presentarse ata o 27 de abril, obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.