O coñecemento dixital, a igualdade, a educación emocional e as competencias laborais, principais eixos do novo modelo de competencias profesionais docentes que impulsa a Xunta

Román Rodríguez salienta que se busca “achegar un maior valor engadido” ao modelo “de éxito” galego mediante profesorado formado na excelencia para afrontar as demandas sociais de futuro

O novo marco recolle a formación a escala inicial, que reciben os docentes nas distintas facultades de Ciencias da Educación, e a formación continua e a reciclaxe e a adaptación constante no día a día de exercicio profesional

Mér, 29/03/2023 - 17:57
c

O reforzo do coñecemento dixital, da igualdade e da inclusión, a aposta pola educación emocional e a adquisición de competencias laborais son algúns dos principais eixos nos que se centra o novo modelo de competencias profesionais docentes impulsado pola Xunta de Galicia para “aportar valor engadido” ao actual modelo educativo galego.

Así o sinalou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, durante a inauguración do Congreso sobre Competencias Profesionais Docentes que congrega en Santiago a máis dun milleiro de docentes para debater o futuro neste ámbito.

O titular de Educación do Goberno galego explicou que este novo modelo, que actualiza o que a Consellería deseñou de xeito pioneiro en 2015, é unha ferramenta fundamental para garantir “o nivel de excelencia” que ten acadado o sistema educativo galego nos últimos anos, xa que o fortalecemento dos coñecementos, capacidades e aptitudes docentes “exercerán de factor de diferenciación do noso modelo”. “Ser un bo profesor hoxe -explicou- esixe unhas cualidades, competencias, habilidades e destrezas diferentes ao que considerábamos un bo profesor hai 15 anos”.

Para iso, a Consellería traballa en propiciar que o profesorado de todas as etapas estea o mellor preparado e formado ante as demandas actuais e futuras, así como impulsar a conexión e a adecuación entre os sistema educativo e a sociedade, dado que os perfís profesionais esixen cada vez unha maior capacitación e solvencia en todos os campos “Queremos garantir a competitividade dos futuros profesionais cun modelo educativo que discorra paralelo ás necesidades sociais e do tecido produtivo”, sinalou.

Así pois, o novo marco competencial recolle a formación a dúas escalas: por unha parte a formación inicial que reciben os docentes nas distintas facultades de Ciencias da Educación e, doutra parte, da formación continua e a reciclaxe e a adaptación constante no día a día de exercicio profesional. Para iso, a Consellería traballa en colaboración cos técnicos dos Centros de Formación do Profesorado e tamén en colaboración cos decanos das distintas facultades de Educación.