A Xunta avanza na dixitalización das aulas coa instalación de 9.000 paneis interactivos

A actuación enmárcase no Plan de Infraestruturas Dixitais Educativas que está a desenvolver o Goberno galego cun investimento de 134,6M€

Está previsto que en 2024 todas as aulas de centros públicos desde 2º ciclo de Infantil ata 2º de Bacharelato conten con este tipo de dispositivos

Román Rodríguez subliña a importancia da tecnoloxía “como un medio para garantir a igualdade de oportunidades e afianzar a modernización do sistema educativo”

Lun, 27/03/2023 - 15:16
p

Os conselleiros de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitaron esta mañá o colexio CEIP Fontiñas. Trátase dun dos centros dotados con pantallas interactivas ao abeiro do Plan de Infraestruturas Dixitais Educativas que está a desenvolver a Xunta cun investimento de 134,6M€, e no marco do que se están a instalar máis de 9.000 paneis.

Tal e como explicaron os conselleiros, o obxectivo desta nova dotación é seguir avanzando na dixitalización das aulas galegas das etapas de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato. Ademais, como novidade, instalaranse estes dispositivos en centros que imparten ensinanzas de réxime especial.

Ferramentas ao servizo de alumnos e profesores

O titular de Educación, Román Rodríguez, salientou a importancia desta dotación tecnolóxica para garantir “a igualdade de oportunidades” na aprendizaxe ao tempo que afianzar a modernización do ensino galego.  

Non obstante, fixo fincapé en que estas ferramentas “non son un fin, senón un medio para mellorar o sistema a través dos desenvolvementos didácticos e das aplicacións educativas ao servizo de alumnos e de profesores”.

Na actualidade todas as aulas públicas desde 5º de Primaria ata Bacharelato contan con encerado dixital interactivo, que levan consigo tamén un ordenador e un proxector. As novas pantallas interactivas non precisan deste equipamento complementario, polo que supoñen un avance.

Para 2024 está previsto completar o proceso, de tal forma que todas as aulas de centros públicos dependentes do Goberno galego desde 2º ciclo de Infantil ata 2º de Bacharelato conten con este tipo de dispositivos.