A Xunta investirá 8,3M€ no Plan Innova FP Galicia para impulsar a investigación aplicada e o emprendemento nestas ensinanzas

Crearase unha nova rede especializada cos centros que desenvolvan este tipo de iniciativas

Impulsarase o programa InnovaTechFP, con retos tecnolóxicos que o alumnado deberá resolver en equipos mixtos e co obxectivo de mellorar o medio rural

Dotarase aos centros de máis material de simulación e equipamento para a innovación aplicada

Deseñarase un Programa de emprendemento industrial e un protocolo de protección da propiedade e rexistro de patentes para os centros educativos, profesorado, alumnado e titulados

Crearanse sete novos viveiros de empresa en centros educativos e incrementaranse as aulas de emprendemento en case o 70%

Xov, 23/03/2023 - 18:14
e

O Goberno galego investirá 8,3M€ no Plan Innova FP Galicia que ten como obxectivo o impulso de liñas de actuación que avancen na innovación, investigación aplicada e no emprendemento na FP galega. O Consello da Xunta analizou hoxe esta iniciativa, que se enmarca na Estratexia de FP Galicia 2030, aprobada o pasado ano, e que inclúe entre os seus obxectivos o impulso da innovación aplicada na FP, e o desenvolvemento de iniciativas de emprendemento nos centros que imparten estas ensinanzas en colaboración co tecido produtivo galego. A aprobación do plan coincide coa celebración en Santiago do V Congreso FP Innova, que cita estes días a máis de 7.000 alumnos.

O obxectivo do plan da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é dar visibilidade ao potencial innovador e investigador do profesorado e dos centros de FP, ao tempo que se planifican as actuacións neste eido, se implementan programas específicos que transfiran I+D+i ao tecido produtivo desde o sistema educativo e se melloran os equipamentos dos centros. Así mesmo, búscase establecer as bases para a definición de protocolos de actuación en materia de protección da propiedade industrial e rexistro de patentes, permitindo a xeración do ecosistema necesario para o desenvolvemento da Formación Profesional neste ámbito.

De xeito paralelo, promoveranse liñas de actuación que colaboren na redución da fenda de xénero no emprendemento industrial e na innovación tecnolóxica e que favorezan o desenvolvemento rural.

Nova Rede de Centros de Investigación e Innovación aplicada

O Plan Innova FP Galicia estrutúrase en tres bloques: fomento da innovación aplicada, impulso do emprendemento e visualización da innovación aplicada na FP. Malia que o seu desenvolvemento se apoiará no Centro Galego de Innovación na FP Eduardo Barreiros e nos Centros Integrados de FP, o primeiro dos bloques inclúe a creación da Rede de Centros de Investigación e Innovación aplicada na FP galega.

Estará constituída por aqueles centros que formen parte das redes de excelencia nacionais ou internacionais (na actualidade forman parte da Rede Estatal de Centros de Excelencia os Centros Integrados Carlos Oroza, As Mercedes e Ánxel Casal-Montealto), os Centros Integrados de FP e todos os que se impliquen en proxectos de alto valor engadido co Eduardo Barreiros. Esta nova estrutura permitirá contar con referentes distribuídos por todo o territorio da nosa comunidade, impulsando a súa colaboración co tecido produtivo.

Ademais, entre as novas accións deste primeiro bloque figura a convocatoria do programa InnovaTechFP para o fomento da innovación tecnolóxica entre o alumnado. Consistirá no lanzamento de retos tecnolóxicos aos estudantes, que terán que resolver en equipos mixtos, e que terán como obxectivo a mellora e desenvolvemento do medio rural.

Mellores equipamentos

O primeiro dos bloques do plan complétase co fortalecemento de varios dos programas que xa ten en marcha a Consellería de Educación, como o fomento do desenvolvemento de proxectos de innovación didáctica e tecnolóxica, a través da colaboración público-privada (centro-empresa). Desde o 2013 financiáronse 279 proxectos nos que colaboraron 374 empresas e outras entidades. O obxectivo é favorecer esta actividade coa previsión de ter incrementado ata os 50 anuais o número total de premios a estas iniciativas no ano 2024.

Un dos eixos principais da Estratexia Galega de FP 2030 é a dixitalización de espazos formativos e talleres mediante o uso de novas tecnoloxías que permitan simular condicións de traballo próximas ás que o alumnado se vai a atopar nos distintos sectores produtivos. Neste sentido, está previsto duplicar os espazos de tecnoloxía aplicada en centros educativos de FP, aulas que imitan as contornas laborais, nas que se poidan empregar metodoloxías baseadas en proxectos ou retos próximos a cada sector produtivo, incorporando recursos baseado en tecnoloxías dixitais tales como simuladores ou xemelgos dixitais ou a integración de aulas e talleres en espazos únicos que integren aprendizaxes teórico-prácticas. Na actualidade hai 27 destes espazos e o obxectivo é superar os 50 no próximo ano.

Tamén no eido da mellora de equipamento, impulsarase a implantación de simuladores de realidade virtual e de realidade aumentada na FP. A previsión é chegar aos 65 simuladores en funcionamento, en máis de 200 centros.

Entre os anos 2021 e 2022 a Consellería de Educación investiu 1,1M€ neste tipo de equipamento e licenzas. Na actualidade nos centros de FP hai simuladores de realidade virtual (de emerxencias sanitarias, de vehículos eléctricos e híbridos, de cociña e restauración, de instalacións de caldeiras de vapor industrial, de hixiene bucodental...), así como de Smart factory (solucións de automatización e fabricación intelixente), de escritorio (simulación de procesos industriais) e de empresas (aplicación de creación e xestión de empresas simuladas). Ademais, a través de programas nacionais e internacionais desenvolvéronse outros, como os de vernizado, pintado do automóbil, de soldadura, de condución de ambulancias, etc.

Emprendemento industrial

No eido do emprendemento a principal novidade é o deseño do Programa de emprendemento industrial na FP de Galicia. No seu marco elaborarase un Protocolo de protección da propiedade industrial no ámbito da FP, que permitirá establecer as bases para a xestión de propiedade industrial e rexistro de patentes para os centros educativos, profesorado, alumnado e egresados destas ensinanzas. Configurarase como unha carteira de servizos que permitirá contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico e a mellora de competitividade do tecido produtivo galego.

Ademais, facilitarase que o alumnado que está a desenvolver proxectos empresariais innovadores con posibilidade de desenvolvemento industrial poidan facelo a través do Viveiro industrial do Centro Galego de Innovación na FP.

A maiores, deseñarase un programa de captación do talento investigador e innovador entre o alumnado e titulados de FP, impulsando a súa implicación nos proxectos industriais participados polo Eduardo Barreiros para creación de industrias que xeren I+D+i no tecido produtivo galego, con participación igualitaria entre mulleres e homes. Darase prioridade ás áreas de Biotecnoloxía, Fabricación aditiva, Industria 5.0, Enerxía e Sustentabilidade Ambiental, Experiencias Inmersivas e Gastronomía Multisensorial.

Máis viveiros

O segundo bloque de accións do Plan Innova FP Galicia céntrase en fortalecer a Rede de Viveiros de Empresa en centros educativos, creando sete novos, ata chegar a un total de 38. Así mesmo, e de xeito complementario, incrementaranse as aulas de emprendemento en centros en case o 70%, ata chegar ás 100 no ano 2024.

Asemade, impulsaranse os programas de fomento a través do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, Eduemprende. O obxectivo é que participe neles o 60% do alumnado en 2024.

Visualización e posta en valor

Con máis de 500 docentes e alumnos implicados na organización, 7.000 alumnos visitantes e máis de 50 proxectos en exposición, o Congreso FP Innova, que se celebra do 22 ao 24 de marzo en Santiago de Compostela, constitúe o exemplo das accións contempladas no terceiro bloque.

Centrado na visualización e posta en valor das iniciativas de innovación que desenvolven xa os centros de FP de Galicia en colaboración con empresas e outras institucións en eidos como a Internet das Cousas, a robótica colaborativa adaptada a novos entornos de traballo, a eficiencia enerxética, a mellora da competitividade das explotacións agrícolas e gandeiras, a produción e uso do hidróxeno verde no ámbito doméstico, a mellora da calidade de vida das persoas con mobilidade reducida (como vehículos eléctricos adaptados ás súas necesidades), a innovación culinaria, a ciberseguridade, a biotecnoloxía... Ademais, dáse visibilidade aos proxectos de emprendemento desenvolvidos por alumnado e profesorado dentro de distintos programas do Plan EduEmprende.

De xeito paralelo, desenvolveuse a Xornada FP Innova, na que empresas, institucións e comunidade educativa reflexionaron sobre a necesidade de adaptación as cambiantes requirimentos do mundo produtivo e a influencia das tecnoloxías dixitais e da automatización nos novos perfís profesionais, coa participación de máis de 700 persoas.