O colexio plurilingüe de Outes inaugura unha nova biblioteca escolar con espazo de radio e audiovisuais

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participa na apertura deste espazo de lectura no que a Xunta acaba de investir 55.000€

Xov, 23/03/2023 - 18:13
o

O colexio público CEIP Plurilingüe de Outes vén de inaugurar a súa nova biblioteca escolar, un espazo moito máis amplo e mellor equipado con zona de radio e audiovisuais e con novos fondos bibliográficos e mobiliario grazas ao apoio da Xunta de Galicia, que investiu 55.000€ na súa remodelación e reforzo do equipamento.

A directora xeral Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou hoxe na inauguración desta nova instalación de 300m² que é o resultado dunha complexa obra de reordenación de catro aulas e un corredor central mediante o derribo de tabiques, arranxo de xuntas, tapiado de portas, colocación de tarima e cambio de ventás. O novo espazo de lectura conta cunha zona separada específica de radio e audiovisuais, así como cun escenario e un mostrador na área de xestión administrativa.

Numerosos recoñecementos

A biblioteca é unha das áreas máis dinámicas deste centro que desde o curso 2017-18 forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia. Participa no programa Clubs de Lectura, Biblioteca Creativa e Voluntariado na biblioteca.

A dedicación académica dos docentes e a implicación dos alumnos valeulles recoñecementos como o premio do Concurso traballo por proxectos no curso 2020-21 coa iniciativa Mens sana in corpore sano, e no curso 2021-22 con Outes sostible. Cidadáns do presente para o futuro.

Debido a esta brillante traxectoria, foron convidados a participar no Programa de Lectura, Información e Aprendizaxe LÍA.3 da Xunta para avanzar nun modelo de biblioteca escolar deseñada como laboratorio creativo de aprendizaxes aberto a toda a comunidade escolar.