A Xunta de Galicia celebrará mañá un acto de homenaxe a Isaac Díaz Pardo na Cidade da Cultura

Co obxectivo de lembrar a Díaz Pardo e o seu traballo por Galicia, o Goberno galego organizará unha emotiva homenaxe na que participarán os familiares do intelectual e numerosos persoeiros da cultura galega

Mar, 07/02/2012 - 13:30

A Xunta de Galicia homenaxeará mañá a Isaac Díaz Pardo na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. No acto, que  estará presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está previsto que se congreguen tanto familiares e amigos do intelectual galeguista como diversas personalidades do mundo da cultura e das principais institucións de Galicia.

Xunto co presidente do Goberno galego, no acto contarase coas intervencións de Xosé Díaz, en representación da familia de Díaz Pardo; do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz; e do presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi González. Igualmente, está prevista a participación dos arquitectos Andrés Fernández Albalat e Manuel Gallego Jorreto, da escritora e membro da Real Academia Galega, Luz Pozo Garza e do escritor Xavier Seoane. A interpretación musical estará a cargo da gaiteira Susana Seivane.

Un acto en memoria dun persoeiro irrepetible

Isaac Díaz Pardo constitúe un símbolo da capacidade creativa da cultura galega. Ao longo dunha vida chea de dificultades, Díaz Pardo logrou levar a cabo proxectos de enorme envergadura que foron cruciais para a posta en valor do patrimonio cultural galego e para dinamizar a súa actualización, ao mesmo tempo que contribuíu notablemente á súa proxección exterior.

Desde o pasamento do intelectual galeguista, o pasado 5 de xaneiro, o Goberno galego, en estreita colaboración coa súa familia, está a organizar a homenaxe institucional ao artista, animador e empresario. Deste xeito, a Xunta quere agradecer e homenaxear a Isaac Díaz Pardo polo seu infatigable traballo a prol da cultura galega, polo talento artístico e o polo seu esforzado compromiso co desenvolvemento cultural e empresarial de Galicia.