A Consellería de Cultura e Educación avanza o seu firme compromiso co labor da Real Academia Galega en 2012

O titular do departamento, Xesús Vázquez Abad, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, realizaron a súa primeira visita institucional á RAG como novos responsables da acción cultural da Xunta de Galicia

Alí mantiveron un encontro co presidente da RAG, no que trataron o apoio da consellería en 2012 para seguir impulsando os proxectos da institución académica

Os representantes da consellería informaron a academia sobre o programa de actuacións que porán en marcha para conmemorar o Ano Celso Emilio Ferreiro e ambas as institucións valoraron as posibilidades de colaboración nas iniciativas

Lun, 06/02/2012 - 18:37

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, realizaron esta mañá a súa primeira visita institucional á Real Academia Galega (RAG) como novos responsables da acción cultural da Xunta de Galicia. Na sede da entidade, situada na cidade da Coruña, foron recibidos polo presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, polo seu secretario, Xosé Luís Axeitos; polo tesoureiro, Manuel González González; polo vicesecretario, Francisco Fernández Rei; e polo arquiveiro-bibliotecario, Euloxio Rodríguez Ruibal.

No encontro que mantiveron durante a visita, Xesús Vázquez Abad avanzou o firme compromiso da Xunta de Galicia, a través do seu departamento, de continuar apoiando en 2012 o labor da RAG. Ademais, o conselleiro presentou as actuacións que ten previsto levar a cabo a Xunta de Galicia en 2012, coa colaboración de diferentes entidades e institucións,  para conmemorar o centenario do escritor Celso Emilio Ferreiro. Na reunión, ambas as institucións valoraron as posibilidades de que a RAG tamén participe na programación do ano do escritor, que responde a un acordo adoptado en outubro de 2011 no Parlamento de Galicia.

Pola súa banda, os representantes da academia informaron das previsións de actividades para celebrar en 2012 os cincuenta anos do Día das Letras Galegas, así como o calendario de iniciativas previsto para homenaxear a Valentín Paz Andrade, a quen este ano se lle dedica o 17 de maio.

Apoio aos proxectos de investigación e difusión lingüística

O apoio económico do Goberno galego en 2012 contribuirá a impulsar os proxectos de investigación e divulgación lingüística que promove a academia arredor de diversos campos, como a lexicografía, a terminoloxía e a sociolingüística. A Xunta tamén vén colaborando coa RAG na organización, convocatoria e desenvolvemento dos Cursos de verán de Lingua e Cultura Galegas para estranxeiros, que leva a cabo en colaboración co Instituto da Lingua Galega, nos que participaron en 2011 máis de 100 estudantes procedentes de preto de 30 países.