O conselleiro de Cultura e Educación preside o acto académico San Tomé de Aquino no IES Santa Irene, en Vigo

Xesús Vázquez Abad sinalou no seu relatorio ‘Emprendemento, unha opción de futuro’ que “un emprendedor é unha persoa con capacidade de innovar, resolutiva, activa e valente”

As 237 alumnas e alumnos dos dezaseis cursos de bacharelato do centro asistiron á charla impartida no mesmo instituto

Ven, 03/02/2012 - 17:29

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe a importancia dos emprendedores durante o acto académico co que o IES Santa Irene de Vigo celebrou a festividade de Santo Tomé de Aquino.

Durante a súa intervención Emprendemento, unha opción de futuro, Vázquez Abad destacou que “un emprendedor é unha persoa coa capacidade de innovar, resolutiva, activa e valente”, ao que engadiu que “desde o punto de vista empresarial é alguén que ten a posibilidade de crear novas oportunidades económicas e de introducir as súas ideas nos mercados, facendo fronte á incerteza e aos obstáculos”.

Dirixindose aos 237 estudantes dos dezaseis grupos de bacharelato do centro, o conselleiro sinalou que “o emprendemento é unha fonte de riqueza no seu contorno e funciona como motor da innovación, da competitividade e do crecemento das economías”, ao tempo que lles recordou que o máis importante é “ter unha formación integral ao longo da vida e desenvolver actitudes proactivas e competencias que vos leven aos máis novos a xerar propios e innovadores proxectos”.

Proxecto educativo

Durante a charla didáctica recordou que o obxectivo de todos os integrantes da comunidade educativa é que “o alumnado, desde as etapas máis temperás, acade unha cultura de creación e valoración da empresa”. Dirixíndose aos estudantes e asistentes ao relatorio Vázquez Abad dixo que “a figura do emprendedor social abre novas e importantes posibilidade na educación, a saúde, o medio ambiente ou a cultura” e recordou a figura do recentemente desaparecido Issac Díaz Pardo “que viu a necesidade de ser emprendedor no ámbito cultural, e cuxo traballo supuxo un grande enriquecemento para a cultura galega”. Para rematar, o conselleiro incidiu nunha idea “non hai temer ao fracaso, porque é só unha parte do proceso preciso para acadar o éxito”.

No acto estiveron presentes o xefe territorial de Educación na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, o director do centro José María Martínez Blanco, así como membros da comunidade educativa.

Tras o acto o conselleiro, acompañado polo equipo directivo percorreu as instalacións do centro no que a Xunta leva investidos nos últimos anos máis de 135.000 euros en obras de mellora relacionadas coa carpintaría, restauración e substitución de vidros e da instalación eléctrica. Ademais o centro esta integrado dentro do plan Abalar desde este ano e xa conta con 3 aulas e ten mellorada a conexión a Internet, con velocidade de 100 MBPS desde o ano 2010.