Xesús Vázquez Abad presenta xunto a Cristina Pato as xornadas Galician Connection dedicadas á World Music

O conselleiro de Cultura e Educación e a gaiteira galega deron a coñecer a programación dos actos que se levarán a cabo entre o 11 e o 13 de abril na Cidade da Cultura

Os participantes contarán cun programa formativo con clases prácticas, encontros “cara a cara” a cargo dos seis músicos convidados, ademais de foros, debates participativos e un concerto no Museo de Galicia

Intervirán Paquito D’Rivera, e os galegos Guadi Galego e Anxo Pintos; un dos expoñentes da cultura tradicional chinesa, Wu Tong; o mestre de táboa india, Sandeep Das; e unha das figuras máis influíntes dentro do “tango-jazz”, Emilio Solla

Ven, 03/02/2012 - 14:00
Xesús Vázquez Abad presenta xunto a Cristina Pato as xornadas Galician Connectio
Xesús Vázquez Abad presenta xunto a Cristina Pato as xornadas Galician Connection dedicadas á World Music

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, xunto a gaiteira Cristina Pato, e a  directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, presentaron as xornadas Galician Connection, dedicadas á World Music, e que se celebraran do 11 ao 13 de abril na Cidade da Cultura.

Durante a presentación, celebrada na Biblioteca de Galicia, o conselleiro sinalou que “ao longo de tres días, o Gaiás reunirá a músicos galegos e doutras latitudes para establecer un diálogo cultural creativa a través da música”. Pola súa banda Cristina Pato, coordinadora do evento, afirmou que o Galician Connection “é un evento que pretende establecer relacións entre diferentes tradicións galegas e a World Music a través dun conxunto de actividades que busca favorecer a evolución e avance da música galega cara a unha maior proxección internacional”.

Este encontro internacional ao redor das músicas do mundo conta coa colaboración especial de Paquito D’Rivera, unha das grandes figuras da música cubana, fundador do grupo Irakere xunto a Chucho Valdés e gañador de múltiples Grammys. Xunto a eles estarán figuras punteiras de músicas tradicionais de China, Asia ou Arxentina como Wu Tong, Sadeep Das ou Emilio Solla e destacados representantes da música galega como Anxo Pintos e Guadi Galego, ademais de directores de festivais internacionais, como o APAP de Nova York, o Festival Internacional de Jazz de Barcelona ou o HUM Ensemble da India.

Programa formativo

Tratase dun programa formativo exclusivo con clases prácticas e encontros “cara a cara” con estes seis grandes mestres da música, foros e debates participativos e un concerto de clausura no Museo de Galicia compoñen a proposta que o Galician Connection dirixe a músicos, profesionais ou afeccionados, e a estudantes de música.

Compartindo experiencias nestas xornadas estará un dos máximos expoñentes da cultura tradicional chinesa, líder da primeira banda de rock en soar na televisión nacional e posuidor de varios Grammys, Wu Tong; o discípulo de Ravi Shankar e mestre de táboa india Sandeep Das e; unha das figuras máis influíntes dentro do “tango-jazz”, o arxentino Emilio Solla; ademais do músico, arranxista e compositor de jazz cubano Paquito D’Rivera e o membro de Berrogüeto, Anxo Pintos e a ex compoñente da mesma agrupación Guadi Galego como representantes da cultura musical galega.

Os amantes da música que se inscriban en Galician Connection participarán nun programa de formación exclusivo impartido por estes seis mestres, que inclúe foros de debate ao redor da World Music, asistencia a ensaios e clases prácticas onde descubrir novas técnicas instrumentais e sonoridades comúns, e encontros "cara a cara", onde cada participante poderá falar co músico convidado co que desexe tratar dunha forma directa e persoal.

Ademais, Galician Connection reserva a mañá do venres 13 de abril para que todos eles poidan achegarse á figura dun músico único como é Paquito D’Rivera, nunha sesión que mesturará clase maxistral, diálogo musical e encontro informal.

Haberá 40 prazas para participar en Galician Connection a un prezo de 70 euros, 50 para estudantes. A inscrición poderá realizarse desde hoxe no formulario que está dispoñible en www.cidadedacultura.org.

Un foro sobre World Music dende a programación

Galician Connection conta, ademais, con dúas actividades que se abren ao público non inscrito: o Foro Diálogo Intercultural e Desenvolvemento Cultural Sostible, no que se abordará a World Music dende o punto de vista da programación e a busca de novos mercados, e o concerto de clausura no Museo de Galicia.

Da man de responsables de festivais como o APA de Nova York, o Festival Internacional de Jazz de Barcelona ou o HUM Ensemble da India, o Foro Diálogo Intercultural e Desenvolvemento Cultural Sostible abordará as estratexias de posicionamento da música galega no mercado internacional, a elaboración das programacións dos eventos de prestixio ou modelos e experiencias de programación sostibles. As persoas non inscritas no Galician Connection que desexen asistir a este foro, que será o 11 de abril, poden comprar a súa entrada en www.cidadedacultura.org, por 10 euros.

Asemade o Museo de Galicia estrearase como escenario para concertos acollendo a actuación de clausura do Galician Connection a cargo dos seis músicos convidados e da propia Cristina Pato, que interpretarán un repertorio formado por pezas de cada unha das tradicións culturais que representan. As entradas para a asistir ao concerto de clausura, o día 13 de abril, poderán mercarse proximamente en www.servinova.com, a 12 euros.

Con estas actividades a Consellería amosa o seu apoio pola difusión da música como fío condutor de coñecementos e cultura para achegar as diferentes sensibilidades artísticas.

Menús News node R

Tema