Rueda enxalza a potencia do sistema universitario de Galicia, polo talento do alumnado, o bo facer docente e o importante apoio da Xunta

Salienta que este é o ano que a Universidade galega conta con máis recursos públicos, con case 500 millóns de euros de financiamento para 2023

Pon en valor que Galicia é a única comunidade que leva 12 cursos consecutivos coas matrículas universitarias conxeladas

Ven, 17/02/2023 - 19:45
d

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe a potencia do Sistema Universitario de Galicia, vencellada ao talento do alumnado, ao bo facer do persoal docente e tamén ao “importante apoio” do Goberno galego, tal e como considerou que reflicten “os case 500 millóns de euros de financiamento” para este 2023, o que supón “o ano con máis recursos públicos”.

Así o puxo en valor na entrega en Santiago dos Premios Excelencia Académica a 434 estudantes universitarios galegos, aos que lle deu os parabéns polo seu “esforzo” para acadar as mellores cualificacións nos seus respectivos cursos e titulacións. “Aquí non vale máis o que máis ten, senón o que máis sabe, e para iso hai que esforzarse moito”, aseverou, ao tempo que advertiu que o “esforzo non está pasado de moda nin o vai estar nunca”.

Ademais deste esforzo por parte do alumnado, Rueda tamén salientou o apoio da Administración galega para que calquera mozo que decida estudar unha carreira universitaria “o teña máis fácil” e referiuse, en concreto, ao feito de Galicia é a única comunidade que mantén conxelados desde hai doce cursos os prezos públicos das matrículas universitarias.

Nesta liña, amosou a aposta e compromiso do Goberno galego por que todos aqueles estudantes que rematen a súa carreira poidan quedarse en Galicia se así o deciden. “En Galicia fai falta moito talento e vós representades o talento por excelencia”, subliñou.

Neste eido, o mandatario galego considerou importante seguir incidindo en que a formación e os graos universitarios que se oferten estean en total conexión co que demanda o mercado para que ,ao rematar á carreira, se poida ofrecer un “futuro laboral”. “Necesitámosvos a todos”, apuntoulles ás e aos estudantes premiados, ao tempo que concluíu que con “xente coma vós, Galicia vai ter futuro durante moito tempo”.