Cultura e Educación asume o reto de avanzar nun sistema bibliotecario de calidade coas liñas estratéxicas de 2012

A consellería presentou hoxe no Consello da Xunta as iniciativas que poñerá en marcha este ano no Sistema de Bibliotecas de Galicia

Entre as actuacións para este ano destacan a aprobación da Lei de bibliotecas, o desenvolvemento do regulamento do depósito legal e a elaboración do Mapa de Bibliotecas Públicas

A Xunta impulsa un proceso de planificación e promoción para adaptar as bibliotecas ás necesidades culturais, de información e de ocio da cidadanía

Xov, 02/02/2012 - 17:21

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hoxe no Consello da Xunta as liñas estratéxicas do Sistema de Bibliotecas de Galicia para o ano 2012, concretamente na Rede de Bibliotecas Públicas e na Biblioteca de Galicia. As actuacións que se propoñen, no marco dun proceso de planificación e promoción bibliotecaria, teñen como obxectivo avanzar na obtención de servizos bibliotecarios de calidade, adaptados ás actuais necesidades culturais, de información, formación e ocio da cidadanía, así como garantir o dereito dos galegos a accederen en condicións de igualdade á cultura, á lectura e ao coñecemento.

As liñas estratéxicas para o sistema bibliotecario galego en 2012 baséanse na calidade, na planificación, na eficiencia e na visibilidade. Como elementos motrices para este ano destacan a aprobación da nova lei de bibliotecas e o desenvolvemento do regulamento do depósito legal. Ademais, está previsto publicar o Censo de Bibliotecas de Galicia e elaborar e difundir o Mapa de Bibliotecas Públicas. Tamén se continuará co investimento en formación do persoal bibliotecario e coa potenciación das coleccións, mediante a actualización e o incremento de fondos. O impulso á realización de actividades de fomento da lectura e de dinamización cultural nas bibliotecas será outra das prioridades para 2012, ano en que tamén se traballará para reforzar o papel da Biblioteca de Galicia como centro de referencia do sistema bibliotecario galego.

Novo marco normativo

Os cambios dos sistemas bibliotecarios e das necesidades dos usuarios exixen o establecemento dun marco normativo actualizado que lle garanta á cidadanía servizos de calidade adaptados aos novos tempos. Para isto, a Xunta de Galicia ten previsto aprobar este ano unha nova lei de bibliotecas que estableza un marco legal adecuado que garanta uns servizos de calidade e que articule o sistema bibliotecario galego.
Doutra banda, agora que xa está aprobada a Lei estatal de depósito legal, deberase establecer seu marco normativo autonómico, que terá como obxectivo prioritario a difusión do patrimonio bibliográfico, sonoro, visual, audiovisual e dixital de Galicia e a súa conservación para favorecer a súa consulta e uso. A aplicación da lei comporta cambios como o da figura do suxeito depositante principal, que pasa a ser o editor en lugar do impresor, ou a cantidade de exemplares que deberán entregar, que se reduce. Os recursos electrónicos en liña e os portais web tamén serán obxecto de depósito legal.

Instrumentos de análise e avaliación

Co obxectivo de contar cunha información completa, actualizada e contrastada da realidade dos centros da Rede Galega de Bibliotecas, proponse a elaboración e a publicación anual do Censo de Bibliotecas. Así mesmo, para facilitar unha mellor concreción dos criterios de calidade da rede e favorecer o traballo planificado, elaborarase o Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia. Este instrumento permitirá coñecer a realidade das bibliotecas da rede, como paso previo para definir as actuacións e prioridades da acción pública en materia de servizos bibliotecarios.

A Biblioteca de Galicia, centro de referencia

A Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura ten como misión fundamental a recollida, recuperación e difusión do patrimonio bibliográfico e de toda a produción bibliográfica que se realice tanto en Galicia como no resto do mundo, en lingua galega e tamén noutros idiomas cando sexa de especial interese para a nosa Comunidade Autónoma. Co obxectivo de continuar potenciando este centro, ao longo de 2012 aumentarase a visibilidade da Biblioteca de Galicia a través da biblioteca dixital Galiciana, comezará a funcionar a Biblioteca Central de Préstamo, facilitarase o acceso ao Catálogo Colectivo do Patrimonio Bibliográfico de Galicia e impulsarase a doazón, o depósito e a troca de fondos bibliotecarios.

Deste xeito, entre as últimas achegas de fondos á Biblioteca de Galicia destacan os fondos de Isaac Díaz Pardo, o depósito de fondos sonoros da produtora Clave Recórd; o fondo hemerográfico de diversos xornais; a biblioteca de Luís Losada Espinosa (fillo de Antón Losada Diéguez); a Biblioteca de Ciencias da Terra Rodolfo Núñez de las Cuevas; a Biblioteca da Muller, Sección Concepción Arenal; a Biblioteca do CGAI; e os fondos da biblioteca do Sergas, entre outros.

Web 2.0 e redes sociais

As tecnoloxías da información e da comunicación son ferramentas básicas para o noso desenvolvemento, polo que co obxectivo de situar as bibliotecas públicas galegas como mediadoras cualificadas entre o usuario e as súas necesidades informativas, educativas, de formación e de ocio, levaranse a cabo novos proxectos de desenvolvemento informático. Con este obxectivo, dotaranse todas as bibliotecas galegas dun software adecuado ás novas demandas e posibilidades tecnolóxicas que lle permitirán ao usuario acceder á información a través da web 2.0. Ademais, promoverase o aproveitamento das redes sociais para mellorar a difusión dos servizos e o achegamento das bibliotecas á cidadanía.

Mellora de servizos e contidos

Para aumentar a calidade, a eficiencia e a proxección dos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia, a Consellería de Cultura e Educación organizará cursos de formación para os seus profesionais, impulsará un programa de actividades culturais e de animación á lectura para todos os públicos e realizará actividades de fomento da lectura e do libro galego.

Outra das prioridades para este ano 2012 será a mellora dos servizos bibliotecarios de Galicia a través da promoción da oferta e da actualización de contidos. Para isto, favorecerase a adquisición de novos fondos, reforzarase a presenza da produción editorial galega e apostarase pola diversificación de formatos, facendo especial fincapé na introdución do libro electrónico.

Coa posta en marcha en 2012 destas actuacións, a Xunta de Galicia quere dar novos pasos para responder ás necesidades actuais en materia bibliotecaria e para avanzar na dotación de servizos e proxectos culturais nos centros do Sistema de Bibliotecas de Galicia.

Menús News node R

Tema