Iván Eerreiro, Leilía e Os Cempés protagonizan o undécimo número da revista “Ao vivo música” que edita a Agadic

A publicación, que estrea novo deseño de cabeceira, distribúese de xeito gratuíto nas 30 salas galegas que acollen a programación da Rede Galega de Música ao Vivo.

Borja Cao, O Neno Elliott e Xosé Ramón Vázquez colaboran nesta nova entrega, que se achega tamén ao Ultramarinos de Santiago e a un concerto de Pedrito Diablo y los Cadáveras.

Xov, 02/02/2012 - 11:10
Portada do undécimo número da revista “Ao vivo música” que edita a Agadic
Portada do undécimo número da revista “Ao vivo música” que edita a Agadic

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comezou a distribución do undécimo número da súa revista Ao Vivo Música, dedicada á promoción da música galega e á difusión da actividade da Rede Galega de Música ao Vivo. A revista estará dispoñible, de xeito gratuíto para os lectores, nas 30 salas que acollen a partir do 15 de febreiro e ata finais de xuño a programación do devandito circuíto de música en directo; así como a través da web www.agadic.info para a súa descarga en formato dixital.

Iván Ferreiro deixouse retratar para a portada e as páxinas interiores da revista con motivo da edición do seu álbum Confesiones de un artista de mierda (Warner, 2011), no que o músico vigués recompila 14 temas a través dos que percorre vinte anos de traxectoria como referente da música pop galega e española tanto á fronte de Los Piratas como en solitario. Ademais, o regreso de dous históricos grupos de folk dá pé ás outras dúas reportaxes centrais: as cantareiras e pandeireteiras de Leilía publican conSentimento (Fol Música, 2011), o seu novo traballo discográfico despois de sete anos, e Os Cempés volven aos escenarios e ao estudio de gravación co apoio económico dos seus fans a través dun sistema de crowdfunding ou micromecenado vía internet.

Esta undécima entrega de Ao Vivo Música –que renova o deseño da súa cabeceira para lle conceder un maior protagonismo no conxunto da portada, así como doutros dos elementos tipográficos do interior– achega tamén as colaboracións do músico de jazz Borja Cao na sección “O disco que me cambiou a vida”, o Neno Elliott en “Tesouros soterrados” e Xosé Ramón Vázquez, de VAI e ex Fía na Roca, en “A máquina do tempo”.

Novidades discográficas

Ao Vivo Músicamantén, así mesmo, o resto das súas seccións habituais, como o cuestionario “Sete de sete”, ao que nesta ocasión se someten Fernando Barroso, bouzouki de Assembly Point; Clara Pino, arpista de Loaira, e a cantautora Jane Joyd; “Un día con”, que recolle diferentes instantáneas dun dos concertos de Pedrito Diablo y Los Cadáveras; “A sala”, que visita o Ultramarinos de Santiago de Compostela; ou “Nas tendas”, que recolle algunhas das novidades discográficas galegas da man de Vaamonde, Lamas & Romero, Mamá Cabra,Mato Grosso, Asterio Leiva e Alejo Amoedo, Quant, Loaira, Borja Cao Trío, Das Kapital, Talabarte e Malvela.

De edición bianual e cunha tiraxe de 7.000 exemplares, Ao Vivo Música distribúese de balde a través das salas da Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto promovido pola Agadic que o 15 de febreiro iniciará un novo período de programación de concertos, protagonizados na meirande parte dos casos por artistas e grupos galegos de diferentes estilos que van do rock e o pop, ao jazz, canción de autor ou folk.

Menús News node R

Tema